Inicio Carballo ao día Hemeroteca O novo cónsul xeral de Uruguai, Ramiro...

O novo cónsul xeral de Uruguai, Ramiro Rodríguez Bausero, realizou a súa primeira visita oficial a Carballo

Mantivo unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, na que tamén participaron as concelleiras Milagros Lantes e Maruxa Suárez e o concelleiro Iván Andrade

Venres 10 de setembro do 2021 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, recibiu esta tarde ao novo cónsul xeral de Uruguay en Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, na súa primeira visita oficial ao noso concello tras tomar posesión do cargo no pasado mes de marzo. Na xuntanza tamén participaron as concelleiras Milagros Lantes e Maruxa Suárez e o concelleiro Iván Andrade.

Os membros do goberno municipal e o cónsul conversaron durante unha hora sobre distintos asuntos de actualidade, aínda que se centraron na evolución da COVID-19 a un e outro lados do Atlántico e nas repercusións da pandemia na economía.

Nun ton máis distendido charlaron tamén sobre a histórica vinculación entre Carballo e Uruguai, onde aínda hai 1.700 carballeses e carballesas con dereito a voto, e da “relación extraordinaria”, como a cualificou Ramiro Rodríguez, que existe entre ámbolos dous. O cónsul xeral referiuse ao “nivel de relación y la familiaridad” entre uruguaios e galegos, “algo que no pasa en otros lugares de España”, e destacou especialmente o caso de Carballo: “Los uruguayos hablan maravillas de Carballo”, asegurou.

O cónsul, que aludiu a esa estreita relación na mensaxe que deixou no Libro de Honra do Concello de Carballo, convidou ao alcalde a volver a visitar Uruguai e agasallouno cunha fotografía histórica do Cabildo de Montevideo, e Evencio Ferrero correspondeulle con varios exemplares de libros sobre Carballo e a Costa da Morte.

Ramiro Rodríguez avanzou que para o mes de novembro está prevista a visita a Galicia da embaixadora do seu país en España, Ana Teresa Ayala Barros, e mencionou a posibilidade de que se achegue ata Carballo. “Estaríamos encantados”, respondeulle o alcalde.



Galería

Compartir: