O Carballo Interplay aproveitará a xornada de clausura para poñer o foco sobre o compromiso social na rede
Mañá ás 21h entregaranse os premios da 8ª edición do festival cun concerto escénico de Fer Epelde e Rebel Garden que se poderá ver ao vivo e en streaming
Venres 10 de setembro do 2021 Lingua
O festival Carballo Interplay pecha mañá, sábado 11 de setembro, a súa 8ª edición cunha xornada adicada aos proxectos que empregan a rede como unha ferramenta para mellorar o mundo e a aquelas propostas que se apoian no humor para abordar asuntos como as relacións de parella, a saúde mental, a loita contra o machismo ou polos dereitos do colectivo LGTBI.
Despois de tres intensos días nos que o Festival de Contidos Dixitais se fixou nos "másters" da internet galega e mais na creación de espazos de intercambio profesional entre Portugal, Galicia e o resto do estado español e de dous shows de humor cos que colgou o cartaz de "localidades esgotadas", o Carballo Interplay pon o foco sobre os aspectos menos positivos de Internet, onde tamén agroman os comportamentos tóxicos, favorecidos por uns misteriosos algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. "A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias do outro lado das pantallas", recoñece a oganización do Interplay, pero nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes e é precisamente sobre eses discursos so que quere destacar o festival na súa última xornada.
O sábado ás 10h, falarán sobre Activismo na rede Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.
E, sen perder de vista o papel do humor no activismo e na disidencia, o festival conversará tamén de Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.
Pecharán a mañá de sábado Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar! onde cada semana analizan, co seu particular humor e sen censura, cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer ás 17h o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade, de xeito paralelo ao seu crecemento como "maricón pintao".
A tradicional gala de entrega de premios, ás 21h, pechará a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Será un concerto escénico, unha experiencia de resistencia na que mesturan o reguetón, as proxeccións, o mundo dos debuxos animados e algúns premios para as mellores series da Sección Oficial, entre tema e tema.
O acceso ás actividades do festival é gratuíto, previa retirada de entrada a través da web, e tamén poden verse en streaming a través de Youtube, Twitch ou Facebook.
PROGRAMA COMPLETO
Venres 11: Día PRO
10h30. O xiro cara o contido de actualidade. Debate e conciencia social: con Freeda, Canal 180 e Playz.
11h30. Contidos dixitais e innovación. Onde poñen o foco as canles públicas?: con RTP Lab e Televisión de Galicia.
12h30. Presentación produtoras e creadores dixitais de Portugal: Promenade, Galo Bravo, PiXbee, MT 360 / ManyTakes, Wonder Maria Films, Ankylosaur, Todos.pt
16h00. Sección Oficial. Internacional 1: Dominos 2, Historias Migrantes, Pepper, todo por un like e Refugee Roads.
17h00. AGADIC. Unha nova vía para a produción de series web. Con Dolores Meijomín, directora de política audiovisual da AGADIC.
17h30. ENCONTRO PRO
17h30. Sección Oficial. Internacional 2: #WFH, Cross, Freedom Farm Sanctuary, Good Monsters e Mortal Glitch.
20h00. Pochosfera: momentos penosos da internet. Con David Pareja e Lorena Iglesias
22h00. RAJANDO CON... Carolina Iglesias, Victoria Martín e Henar Álvarez
Sábado 11
10h00. A internet de mudar as cousas
Panel 1 | Activismo na rede: Proyecto UNA, Ontologías Feministas, Cuellilargo
Panel 2 | Humor, precariedade xeracional e ilustración: Monstruo Espagueti, La Prados, Roberta Vázquez
13h00. Puedo hablar? Con Perra de Satán e Esnórquel
16h00. Sección Oficial. Internacional 3: Best Before (Meilleur Avant), Over And Out, Psicóticas Inseguras e What's Next?
17h30. Sección Oficial. Estatal: Amor superdotado, Backstage, Drácula, el vampiro gallego, I am Who I am, La reina del pueblo e Riders.
19h00. CFA Esnórquel: Maricón.mp4 – Miradas queer en 240p
21h00. Entrega de premios con Fer Epelde + Rebel Gardens