9 DE SETEMBRO, DÍA MUNDIAL DO VEHÍCULO ELÉCTRICO
O punto de recarga público para vehículos eléctricos cumpre dous anos cun balance de 186 usos, o 74% neste 2021
O uso da electrolinera, situada na rúa Arcebispo Romero de Lema, aumentou considerablemente este ano, cunha recarga cada dous días
Xoves 9 de setembro do 2021 Carballo ao día
Imaxe da inauguración do punto de recarga, o de 6 setembro do 2021
O 6 de setembro do 2019 entrou en servizo o punto de recarga de vehículos eléctricos, o primeiro de titularidade municipal da comarca e un dos primeiros da provincia. Ata finais dese ano rexistráronse 30 inicios de sesión, cun total de 104,05 kWh de enerxía recargada e unha media de 3,15 kWh por recarga.
O despegue do servizo viuse frustrado pola pandemia, xa que, como indican dende a empresa que o xestiona, as denominadas electrolineras están moi vinculadas á mobilidade e ao turismo, e tanto a primeira coma o segundo víronse moi limitados a consecuencia da COVID-19. De feito, en todo o 2020 só se realizaron 18 recargas, cun consumo total de 95,22 kWh.
A situación está mudando de xeito considerable este ano. No que levamos do 2021 rexistráronse 138 recargas, o que supón practicamente unha cada dous días, cun consumo medio de 7,85 kWh e un total de enerxía recargada de 1,09 MWh, segundo os datos facilitados pola empresa xestora.
No ano 2050 está previsto que os vehículos eléctricos sexan o medio de transporte de uso masivo no mundo. Hoxe, 9 de setembro, celébrase o Día Mundial do Vehículo Eléctrico, unha data coa que se pretende sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia do uso de coches sostibles ou eléctricos, e que, casualmente, coincide co aniversario da electrolinera municipal de Carballo.
Os dous puntos de recarga instalados na rúa Arcebispo Romero de Lema, na zona do Parque Rego da Balsa, forman parte das medidas impulsadas dende o Concello de Carballo para fomentar unha mobilidade sostible. Dispoñen de conectores estándar na Unión Europea para todo tipo de coches e o subministro é 100% de orixe renovable. Para activar o servizo poden utilizarse dous sistemas, ou ben unha tarxeta da compañía Ibil válida para todo o territorio nacional ou ben a través da APP da empresa no teléfono móbil.