Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo realizará este...

O Concello de Carballo realizará este curso un investimento de medio millón de euros na mellora dos centros escolares

No CEIP Fogar xa rematou o acondicionamento da rampla de acceso e do patio de infantil, que se complementa cunha serie de melloras asumidas polo propio centro

Mércores 8 de setembro do 2021 Carballo ao día

No patio de infantil do CEIP Fogar renovouse todo o pavimento

No patio de infantil do CEIP Fogar renovouse todo o pavimento

O goberno municipal de Carballo considera a educación como un piar fundamental da acción municipal, e para que a rapazada poida gozar das infraestruturas e servizos propios dun ensino público de calidade, todos os anos realizamos distintos investimentos que responden ás necesidades presentadas polos propios centros e que van máis alá das obrigas de conservación que corresponden ás administracións locais. De cara ao curso 2021-22, que empeza mañá, dende o Concello estamos a realizar un investimento de medio millón de euros en distintos proxectos.

O máis cuantioso levarase a cabo no CEIP Gándara-Sofán, no que, con cargo ao remanente de tesourería do ano 2020, investiremos 216.286,66 euros na instalación dunha nova cuberta no pavillón deportivo, que tamén contará con gradas, novo equipamento e unha pasarela cuberta de comunicación co colexio, entre outras melloras.

Alcalde e concelleira, co director e membros do claustro do centro, na nova rampla

Alcalde e concelleira, co director e membros do claustro do centro, na nova rampla

Tamén con fondos do remanente vimos de acometer un proxecto de mellora da accesibilidade e a seguridade no CEIP Fogar, por unha banda mediante a renovación da rampla de acceso dende a avenida de Bergantiños e, por outra, coa pavimentación do patio de infantil para a súa adaptación á normativa actual. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse ata o Fogar para ver o resultado das obras, que dende o propio centro complementaron con pintura e a creación dunha zona de xogos tradicionais pintados no chan.

Agora mesmo está en execución tamén unha actuación de pintado e illamento na escola de Queo, na parroquia de Bértoa. Entre as dúas intervencións estamos a investir 45.700 euros.

Xunto a estas melloras, aproveitouse o verán, como todos os anos, para a posta a punto dos colexios e para atender as necesidades presentadas polos equipos directivos. Ademais, a Concellaría de Educación reforzou este verán os labores habituais para contribuír á prevención da COVID-19. Nesta liña enmárcanse as accións de desinfección, desinsectación e desratización que se levaron a cabo en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso.

Compartir: