O Concello de Carballo recupera e pon en valor a fonte de San Pedro, en Cances
A actuación, que responde a unha demanda formulada no seu momento polo consello parroquial, incluíu a restauración da fonte de pedra e o acceso
Martes 7 de setembro do 2021 Carballo ao día
A veciñanza de Cances ve cumprida unha das demandas trasladadas no seu momento ao Concello de Carballo a través do consello parroquial: o arranxo da fonte de San Pedro. Pero a actuación que vimos de acometer vai máis alá, porque ademais de restaurar este elemento do patrimonio etnográfico, conseguimos poñelo en valor grazas a unha actuación integral que incluíu o acondicionamento do acceso, a protección da pequena ponte situada no camiño e a creación dunha ampla zona de estadía e descanso xunto ao manancial.
Toda a intervención levouse a cabo con pedra e madeira, respectando os materiais da fonte primitiva, que se limpou e acondicionou para que luza coma nova. Tamén se restauraron a imaxe de San Pedro e a cruz que coroa a fonte, e mellorouse a accesibilidade habilitando un camiño empedrado que conduce dende a estrada ata a fonte. Un letreiro de madeira colocado no penal da vivenda situada a carón completa a intervención. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez achegáronse ata Cances para ver o resultado.