A corporación municipal demanda a participación de concellos coma Carballo nos fondos europeos Next Generation
A moción presentada polo BNG obtivo o respaldo de todos os grupos da oposición agás o de Terra Galega
Martes 7 de setembro do 2021 Carballo ao día
O Concello de Carballo quere participar no reparto dos fondos europeos Next Generation, e do mesmo xeito que no pleno de xullo foi aprobada unha moción do PP para reclamar unha distribución máis xusta, na sesión ordinaria deste luns saíu adiante unha iniciativa do BNG para que os concellos de menos de 50.000 habitantes teñan opcións a participar nese reparto. Na proposta, que pode descargarse máis abaixo, tamén se insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha a anunciada, e aínda pendente, oficina de proxectos. Tanto PP coma PSOE votaron a favor, mentres que Terra Galega abstívose.
Ese mesmo resultado mantívose no resto das votacións, agás a da acta da sesión anterior, que foi aprobada por unanimidade. TeGa tamén se abstivo con respecto á solicitude de compatibilidade presentada por un operario tractorista para desenvolver unha segunda actividade no sector privado, así coma en relación á conta xeral do ano 2020.
Iván Andrade defendeu a moción do BNG sobre os fondos Next Generation
No apartado de rogos e preguntas, o PP presentou un rogo sobre a seguridade no cemiterio municipal e TeGa outro sobre o acceso rodado ao edificio abandonado da Urbanización Costa Nariga. Tamén formulou preguntas sobre a pista vermella do Chorís, a reurbanización da rúa Vila de Corcubión, o consumo de combustible nas instalacións deportivas e o uso do antigo Sinagoga do Xardín Municipal.
Como é costume no noso concello, o primeiro luns de setembro celébrase o pleno correspondente ao mes de agosto, polo que a corporación municipal volverá a reunirse o día 27.