Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrincan as obras de reurbanización da...

Arrincan as obras de reurbanización da rúa Tarragona co derrubo dunha edificación que estaba fóra de ordenación

As obras, que se desenvolverán nun treito de 31 metros lineais, son executadas pola empresa Gestal y López cun orzamento de 58.869,19 euros

Luns 6 de setembro do 2021 Carballo ao día

A demolición da edificación que está fóra de ordenación é o primeiro paso

A demolición da edificación que está fóra de ordenación é o primeiro paso

Os traballos de demolición dun edificio fóra de ordenación cedido con esa finalidade ao Concello de Carballo marcan o inicio das obras de reurbanización da rúa Tarragona no treito comprendido entre as veciñas rúas da Saúde e Barcelona: 31 metros de lonxitude, 12 de ancho e 396,58 metros cadrados de superficie. Os traballos son executados pola empresa Gestal y López cun orzamento de 58.869,19 euros.

Como en todas as actuacións que levamos a cabo na rede viaria urbana, ademais de seguir avanzando cara a accesibilidade universal, o noso obxectivo é modernizar os servizos urbanísticos, procedendo á súa renovación ou a súa instalación onde non existen. Neste caso a obra permitirá dotar á rúa do servizo de abastecemento de auga, que agora chega ás vivendas a través das canalizacións existentes nas rúas Saúde e Barcelona. Tampouco hai rede separada de augas pluviais e residuais, do mesmo xeito que non hai redes de gas ou fibra.

As obras que veñen de comezar permitirán solucionar esas eivas. Deste xeito, a rúa contará con rede de abastecemento de auga, nova rede de saneamento, rede de pluviais, canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica, e redes de gas e telecomunicacións.

Unha vez rematados os servizos urbanísticos, que constitúen o groso do proxecto, procederase ao acondicionamento da superficie da rúa, mellorando a accesibilidade, a estética e os servizos urbanos. Así, ese treito da rúa Tarragona seguirá o modelo da Barcelona, con plataforma única. A vía contará con beirarrúas a ámbolos dous lados, zona de aparcamento nunha das marxes, carril único de circulación de 3,40 metros de ancho, mobiliario urbano e árbores de crecemento lento. O prazo de execución é de tres meses.

Compartir: