Comezaron as obras de ampliación do cemiterio, que nesta 1ª fase inclúen a construción de 720 nichos e 96 columbarios
O alcalde realizou unha visita aos traballos acompañado polo concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez
Venres 3 de setembro do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero, Luis Lamas e Maruxa Suárez visitaron as obras do cemiterio
O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez, achegouse este venres ata o cemiterio municipal, onde vén de comezar a primeira fase das obras de ampliación, adxudicadas á empresa Vázquez y Reino por un importe de 647.008,93 euros. O prazo de execución dos traballos, que arrancaron coa explanación dos terreos destinados á construción dos panteóns, é de catro meses.
Nesta primeira fase prevese a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo inclúe nove bloques de niños _dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados_ e cinco de columbarios. Tanto nun caso coma noutro, a disposición dos nichos será en catro alturas e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo actual. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.
A ampliación do cemiterio é unha das obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019.