Inicio Carballo ao día Novas 1.339 mozos e mozas do noso concello utilizan a...

VISITA DA CONSELLEIRA DE MOBILIDADE Á ESTACIÓN DE AUTOBUSES

1.339 mozos e mozas do noso concello utilizan a Tarxeta Nova para desprazarse en transporte público por toda Galicia

Evencio Ferrero solicitou a Ethel Vázquez a apertura da parte frontal da estación para facilitar a súa integración na vida urbana e mellorar a seguridade

Martes 31 de agosto do 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse hoxe ata a estación de autobuses de Carballo, de titularidade da Xunta de Galicia, acompañada polo delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde, Evencio Ferrero, entre outras autoridades, para comprobar o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos no transporte público. En Carballo son 1.339 os mozos e mozas que contan con ela, e en toda a comarca de Bergantiños son 2.400. Un deles, Yelko, participou tamén no acto.

Aínda que a mocidade carballesa xa podía utilizar o dispositivo para viaxar á Coruña por estar o noso concello integrado na área metropolitana de transporte, dende o 21 de maio tamén poden desprazarse a Santiago.

Ethel Vázquez explicou que o aforro para a familia dun rapaz de Carballo que se despraza todos os días a estudar á Coruña acada os 1.260 euros nos 9 meses de curso grazas á tarxeta Xente Nova. No caso de que ese mozo de Carballo estude en Santiago, o aforro será de 1.200 euros anuais. A conselleira  salientou que, desde que se estendeu o dispositivo Xente Nova a toda Galicia, o número de tarxetas expedidas en Carballo tense incrementado dun xeito, “espectacular”: en abril expedíronse 4 tarxetas, en xullo foron case 90 e en agosto outras case 70, o que pon de manifesto o acerto da medida, tal como comentou.

O alcalde de Carballo lembrou que el foi usuario do transporte público a diario durante os seus estudos de Maxisterio, e que daquela o billete custaba 27 pesetas. Pero, ademais de comentar esta anécdota, solicitou á conselleira que dende o seu departamento se estude a posibilidade de abrir a estación de autobuses á vida urbana mediante a eliminación do peche dianteiro, o que permitiría, por unha banda, a integración do edificio no espazo urbano, unha maior rendibilidade do servizo de hostalaría vinculado á estación e, sobre todo, un incremento de seguridade. Ethel Vázquez cualificou a proposta como "moi interesante" e comprometeuse a tela en conta. 

Compartir: