Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicadas as obras da primeira fase do proxecto...

Adxudicadas as obras da primeira fase do proxecto de reforma do Pazo da Cultura, que cumprirá 20 anos no 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou na mesma sesión o convenio de colaboración coa Agadir para a programación cultural do segundo semestre

Luns 30 de agosto do 2021 Carballo ao día

Pazo da Cultura

Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura celebrará o seu 20º aniversario cun aspecto parcialmente renovado. A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar a primeira fase das obras de reforma do edificio, inaugurado no ano 2002, á empresa Desarrolla Obras y Servicios por un importe de 409.827 euros. O prazo de execución é de catro meses dende a sinatura da acta de comprobación sobre o terreo, polo que estará listo para o aniversario.

O proxecto trata de resolver as deficiencias detectadas ao longo da vida útil do edificio, mellorando as condicións de funcionalidade, habitabilidade e accesibilidade. En concreto, levarase a cabo a mellora do illamento da cuberta metálica curva das plantas segunda e terceira; mellorará tamén accesibilidade vertical cun novo ascensor, creando novas paradas; modificarase o funcionamento do edificio en canto a accesos, control e distribución interior, sen modificar os usos; solucionaranse os problemas de humidade existentes e modernizaranse as instalacións de electricidade, iluminación e seguridade fronte aos incendios.

A adxudicación da obra coincidiu coa aprobación, fóra da orde do día, do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Carballo para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do segundo semestre deste ano, que se desenvolverá maioritariamente no auditorio do Pazo da Cultura.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local aprobou facturas por importe de 29.207,34 euros e un convenio co Club Ciclista Carballo para o desenvolvemento da III Challenge Júnior, por 9.000 euros.

Tamén saíron adiante varias licenzas de obra, entre elas a correspondente á construción dunha nave industrial sen actividade específica no polígono de Bértoa e a modificación de dúas xa concedidas anteriormente: a relativa ao centro xestor de residuos non perigosos nos terreos da antiga mina de Santa Lucía, entre as parroquias de Artes e Carballo, na que se varía lixeiramente o emprazamento do edificio de oficinas respecto do proxecto aprobado, e outra que fará posible a ampliación dun edificio para centro de formación ambiental promovido por Aspaber na Brea.

En materia de contratación aprobouse a prórroga do contrato de dirección e docencia da Aula de Teatro do Concello de Carballo con Producións Teatrais Talía, e foron adxudicados tamén os contratos de servizo de telefonía móbil e fixa e rede de datos fixa e wifi, por un lado, e subministro de correo na nube, por outro, ámbolos dous a R Cable y Telecable Telecomunicaciones, por 91.960 e 14.758,88 euros ao ano, respectivamente.

Compartir: