Inicio Carballo ao día Hemeroteca As nosas rúas con corazón...

As nosas rúas con corazón convértense nun símbolo da sustentabilidade, a solidariedade e a diversidade

A instalación de catro novos colectores para tapóns en distintos barrios urbanos conforma unha bandeira multicolor que pretendemos seguir despregando

Sábado 28 de agosto do 2021 Carballo ao día

Este venres quedaron instalados catro novos colectores para tapóns de plástico na Avenida do Ambulatorio, a Praza de San Cristovo, a rúa Eduardo Pondal e a Praza dos Bombeiros Voluntarios. Cada un é dunha cor diferente, e, xunto cos dous cos que xa contabamos na rúa Bos Aires e na Praza Vila de Laxe, conforman unha bandeira multicolor, símbolo da sociedade diversa na que vivimos.

Pero os corazóns conteñen tamén outros valores como a solidariedade, xa que os tapóns que a cidadanía deposita neles van destinados a fins sociais grazas a un convenio entre Urbaser e a Fundación Amigos de Galicia. Deste xeito, Carballo contribúe á campaña “Conectad@s”, que facilita o acceso a recursos dixitais, sanitarios e material escolar a menores galegos/as en idade de escolarización de familias con poucos recursos.

O feito de depositar os tapóns de plástico dun xeito separado en colectores específicos tamén supón un paso máis cara o Carballo Sustentable que queremos legar ás xeracións futuras, xa que se trata dun residuo reciclable que, grazas a un xeito tan sinxelo, terá unha nova vida.

Utilizade os corazóns, pero se están cheos, porque ás veces énchense en poucas horas, non deixedes as bolsas amoreadas no chan, por favor. Podedes chamar ao 981704100 e avisaremos para baleiralos. Grazas pola colaboración!



Galería

Compartir: