Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo acondiciona novas...

O Concello de Carballo acondiciona novas áreas de aparcamento gratuíto nas zonas da Milagrosa e A Cristina

Na zona do Rego da Balsa comezan as obras de restitución duns terreos que a propiedade recupera para uso particular

Xoves 26 de agosto do 2021 Carballo ao día

Novo aparcadoiro na zona da Milagrosa

Novo aparcadoiro na zona da Milagrosa

O goberno municipal de Carballo vén apostando pola fórmula do comodato para crear unha bolsa de estacionamentos gratuítos que supera as 2.000 prazas. Mediante este sistema, que consiste na cesión do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o noso concello é hoxe en día un referente en Galicia, e o modelo carballés xa se está a aplicar noutros concellos.

Novo aparcadoiro na zona da Milagrosa

Novo aparcadoiro na zona da Milagrosa

Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise, e por primeira vez deste que utilizamos este formato de utilización do espazo urbano, esta mesma semana comezaron as obras de restitución duns terreos da zona do Rego da Balsa que os seus titulares recuperarán para uso particular.

O material extraído dese ámbito xa ten destino, porque se utilizará para acondicionar un novo espazo de estacionamento na zona da Cristina, xunto á estación de autobuses e o colexio. Este novo aparcadoiro público e gratuíto sumarase ao que vimos de abrir tamén na zona da Milagrosa, en concreto no cruce das rúas Compostela e José María Castroviejo, que xa puido utilizarse para a feira do domingo pasado e que a partir de agora estará dispoñible a diario.

Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a colaboración de todos os propietarios, e neste caso especialmente dos titulares dos terreos da zona do Rego da Balsa que agora recuperan o uso particular, ao tempo que lembramos que a fórmula do comodato está permanentemente aberta a incorporacións. Deste xeito, as persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

Compartir: