Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha saída ornitolóxica guiada polo...

TAMÉN COLABORARON ADEGA E SENDA NOVA

Unha saída ornitolóxica guiada polo Grupo Naturalista Hábitat pecha o programa "Eu quero Razo-Baldaio"

Ao longo dos meses de xullo e agosto desenvolvéronse unha vintena de actividades relacionadas co medio ambiente

Xoves 26 de agosto do 2021 euqueroRB

Imaxe dunha das actividades de achegamento á píllara das dunas

Imaxe dunha das actividades de achegamento á píllara das dunas

O Grupo Naturalista Hábitat guiará este sábado a última actividade do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, que un ano máis puxo en valor o noso litoral como espazo de ocio sustentable. Nesta ocasión, as persoas participantes poderán achegarse á riqueza ornitolóxica do espazo natural de Baldaio nunha ruta interpretativa dirixida á observación e identificación das aves presentes nel, pero na que tamén se difundirán os recursos e unha serie de boas prácticas para gozar das aves, e dun xeito moi especial da píllara das dunas, emblema das nosas praias.

Se queres participar aínda estas a tempo. Aquí atoparás toda a información e a folla de inscrición online.

Ao longo destes dous meses desenvolvéronse unha vintena de actividades en colaboración con Hábitat, Adega e Senda Nova, tres entidades que teñen ben demostrada a súa implicación coa preservación da riqueza medioambiental do noso litoral. Obradoiros de pegadas da fauna autóctona, rutas polo patrimonio das parroquias da contorna, saídas para coñecer a flora e a fauna, xornadas de limpeza e de eliminación de especies invasoras, rutas e actividades nocturnas e saídas ornitolóxicas como a que se vai levar este sábado foron algunhas das actividades nas que participaron maiores e pequenos, moitas veces en familia.

O programa “Eu quero Razo-Baldaio” non só reivindica o litoral carballés como un espazo para o ocio sustentable, senón tamén como un espazo seguro dende o punto de vista sanitario. E para que o siga sendo, en colaboración coa empresa Acciona, responsable do servizo de limpeza de praias, durante estes dous meses tivemos unha figura con forma de coronavirus percorrendo as nosas praias para lembrar aos usuarios e usuarias que este verán é preciso respectar a distancia interpersoal de 1,5 metros e utilizar a máscara tanto nos accesos coma nos paseos. E tamén como un espazo libre de residuos, polo que, ademais de reforzar os labores de limpeza, en colaboración coa empresa Sulo poñemos a disposición dos usuarios e usuarias fumadores/as cinceiros con forma de cono que poden recollerse de balde na caseta da Praia dos Libros, en Razo, ou en calquera dos postos de socorrismo.

E, como nas edicións anteriores, seguimos engadindo elementos identificadores da sustentabilidade do noso litoral. No ano 2019 foi a píllara; no 2020, o golfiño, e no 2021, a “nebria das praias”: tres especies animais completamente diferentes e que, sen embargo, teñen en común que as tres forman parte da fauna que podemos atopar na costa carballesa e que, a través das esculturas colocadas en Razo, Pedra do Sal e Castrillón, as tres convértense en símbolos da sustentabilidade que queremos para o noso litoral.

Este ano inauguramos no miradoiro de Santa Irene (Castrillón-Lema) a escultura da Eurynebria complanata realizada polo artesán Fabián Lage. Como as anteriores, na súa elaboración reutilizáronse materiais de distintas procedencias.

Compartir: