Inicio Carballo ao día Hemeroteca Berocasión, o MercaeDillo e o...

Berocasión, o MercaeDillo e o feirón reivindican a Carballo como un dos grandes centros comerciais de Galicia

O sector da automoción e Axober presentaron hoxe unha nova edición da feira do vehículo de ocasión, nesta ocasión con 13 concesionarios participantes

Martes 24 de agosto do 2021 Mercado Municipal

Carballo volve a reivindicarse esta fin de semana como un dos grandes centros comerciais de Galicia. E non é para menos, porque ademais do tradicional feirón do quinto domingo de mes, por segundo ano consecutivo coinciden o MercaeDillo do Centro Comercial Aberto e a Feira do Vehículo de Ocasión, Berocasión, impulsada por Axober. As dúas citas contan co apoio do Concello de Carballo, que volve a amosar o seu recoñecemento a dous sectores moi importantes para a economía local.

Outra mostra máis dese apoio foi a presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane, na presentación de Berocasión, que tivo lugar ás 13.00 horas na Praza do Concello coa participación do presidente de Axober, Isidro Varela, e dunha amplísima representación, como podedes ver na foto, dos concesionarios participantes, que este ano serán 13: Dimolk-Peugeot, Baleato Motor-Renault, Rebalcars, ,Antamotor-Nissan, Corgal Automóviles KIA, Vilas Rama-Citroën, V-Car Hyundai, Juan Lema, Bercauto, Breogán Motor-Toyota, JGCar. Taller Cinco, Garvi Automóviles.

Neste 2021 haberá, polo tanto, máis concesionarios, máis vehículos e máis ofertas ca nunca, tal como anunciaron hoxe os representantes do sector. Dende o venres 27 ata o domingo 29, en horario de mañá e tarde, os establecementos abrirán as súas portas para poñer a disposición do público máis de 500 vehículos de km.0, seminovos, industriais, mixtos, nacionais, de importación, de ocasión... con importantes descontos e condicións especiais de financiamento.

Tanto Berocasión coma o MercaeDillo do CCA cambiaron de formato na edición 2020, na que tamén coincidiron, para adaptarse á situación sanitaria que estamos a vivir. Como medida de prevención fronte á COVID-19, as dúas iniciativas comerciais celebraranse dentro dos negocios participantes.

O CCA Carballo celebra a cuarta edición do MercaeDillo, que este ano terá catro días de duración, do xoves 26 ao domingo 29. Participan na actividade 31 comercios dos sectores máis variados: Akira, Dequip, D&A Complementos, Zocas, Moda Suárez, Benetton, Zapatillería Isabel, Atelier, Confecciones San Juan, Comercial Queijo, Style, Cenor Carballo, Retoños, DV Carballo, Jorge Moda, Ekate, Poppy, Calzados Susa, Zapatería Esther, Óptica Enríquez, Teirón, Lencería Mª José, Buy&Sell, A Fragua, Doces Soños, Bambalina, Xoguetería Merliño, Charanga, O barco dos soños, Informática Valem, Teirón.

Aínda que o máis numeroso é o sector de moda (téxtil, deporte, calzado, complementos,...), tamén podemos atopar xoguetes, electrodomésticos, tecnoloxía, óptica, colchóns... Os descontos acadan nalgúns casos o 70 % en artigos de máxima calidade, como ofrece a diario o noso comercio local.

E, por se fose pouco, o domingo teremos feirón, coa maior e mellor oferta de produtos da horta de proximidade na Praza do Concello e postos de téxtil e calzado, principalmente, na Milagrosa. Como apuntaron tanto o presidente de Axober coma o alcalde, todas elas son, xunto coas previsións de bo tempo, moi boas razóns para achegarse a Carballo esta fin de semana.

Compartir: