Comercio e hostalaría implícanse na consecución dos obxectivos de reciclaxe marcados pola Unión Europea
O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña dirixida a grandes consumidores para mellorar o servizo de recollida selectiva de residuos
Luns 23 de agosto do 2021 Carballo ao día
A presentación da campaña realizouse na rúa Valle-Inclán
O Concello de Carballo conta nestes momentos cunha rede de máis de 200 empresas comprometidas coa xestión sostible dos residuos. Pero queremos que sexan aínda máis, e para conseguilo vimos de poñer en marcha unha campaña informativa que inclúe visitas personalizadas a máis de 500 comercios e establecementos de hostalaría coa finalidade de informar sobre os recursos que poñemos ao seu dispor dende as áreas de Servizos e Medio Ambiente.
Un dos servizos mellor valorados polo comercio é o de recollida de cartón pregado porta a porta, que conta cunha longa traxectoria no noso concello e que, como puidemos escoitar hoxe na presentación da campaña, é moi ben acollido polo sector. De feito, cada ano recóllense unha media de 150 toneladas de cartón por este sistema. Agora, para facilitar aínda máis ese labor, nas visitas que se están a realizar tamén se entrega cinta de embalar personalizada que facilita o depósito do cartón pregado a pé de rúa e que, ademais, como é de papel, tamén pode reciclarse.
“Do que se trata é de mellorar as cifras, porque, aínda que Carballo é un concello de referencia en xestión sostible dos residuos, estamos aínda lonxe dos indicadores recomendados pola Unión Europea”, sinalou o alcalde, Evencio Ferrero, que estivo acompañado polo concelleiro de Servizos, Luis Lamas; por un traballador de Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, e por Ana Regueira, a técnica que se encargará das visitas ás empresas.
Ademais de explicar o funcionamento do servizo de recollida de cartón pregado a pé de porta, que se realiza os luns, mércores e venres, e que vai especialmente dirixido ao comercio, para a hostalaría ou para aqueles comercios que xeran materia orgánica tamén temos en marcha programas coma Ti tes a chave, de recollida de bio-residuos, que conta xa con máis dun cento de grandes consumidores adheridos e máis dun milleiro de familias; de recollida de aceite usado, que tamén se realiza porta a porta para grandes produtores, ou de vidro e plástico. E, do mesmo xeito que ao comercio se lle entrega a cinta de embalar, o esforzo da hostalaría recompénsase dun mandil que recoñece o seu compromiso medioambiental.
O concelleiro Luis Lamas fixo un chamamento a comerciantes e hostaleiros/as a apostar pola separación dos residuos polos beneficios económicos e ambientais que supón, poñendo deste xeito o noso gran de area para facer fronte ao cambio climático, que constitúe a maior ameaza medioambiental á que debe facer fronte a humanidade.
Os datos recollidos nas visitas que xa se están a realizar introdúcense nunha aplicación informática que permite coñecelos en tempo real e facilitará a valoración e, de ser o caso, a intervención nas cuestións que expoñan as empresas. O concelleiro de Servizos amosou a disposición do Concello de Carballo a adaptar os servizos públicos ás necesidades dos seus usuarios, neste caso concreto ás empresas, e destacou a boa acollida que teñen as campañas que se veñen realizando, moitas delas en colaboración con Ecoembes, Ecovidrio, Sogama ou Urbaser. A última, que consistiu en ofrecer aos negocios interesados contedores para recollida de pilas, recibiu 19 peticións en poucas horas. A oferta segue en pé, simplemente chamando ao 981 754 917.