As campañas de roza e mantemento de vías rurais completaranse cun novo investimento de máis de medio millón de euros
As actuacións de rebacheo continuarán nas vindeiras semanas nas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces
Venres 20 de agosto do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas, na Ribeiriña (Sofán), onde veñen de rematar os rebacheos
O importante investimento que está a realizar este ano o Concello de Carballo no mantemento dos máis de 1.200 quilómetros de rede viaria municipal fai posible que a estas alturas do ano xa estean na súa recta final tanto os rebacheos coma a roza de vías. Dos primeiros só quedan pendentes as parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces, mentres que da limpeza de cunetas só faltan a parroquia de Aldemunde e as zonas altas de Rus e Entrecruces, que quedarán listas nas vindeiras semanas. O obxectivo é completar os dous plans antes de que remate o verán.
Por primeira vez, o Concello de Carballo conta cun servizo de mantemento integral da rede viaria de todo o municipio no que traballan operarios municipais e empresas externas. O servizo inclúe, por unha banda, os servizos de conservación, mantemento e reparación de vías públicas; conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, e roza de vías e espazos públicos.
Paralelamente, xa temos en marcha un novo investimento de 506.904,54 euros para a reparación de vías secundarias nas parroquias de Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Carballo, Lema, Oza, Razo e Rus. O proxecto foi aprobado na última Xunta de Goberno Local e xa está en licitación. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas está aberto ata o 14 de setembro.
Ata o día 1 de setembro tamén poden entregar ofertas para as dúas próximas actuacións que se levarán a cabo dentro do plan de mellora de camiños de uso agrícola e forestal, co-financiado con fondos Agader: camiño de Lamas (Sísamo) e As Pozas-Chacín (Berdillo), cun orzamento total de 78.669,98 euros.