Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Mesa Local de Comercio medra en...

A Mesa Local de Comercio medra en representación coa incorporación de Axober

Tal como establece a lei que a regula, a representación da Administración Local tamén terá que incrementarse para que sexa paritaria

Xoves 19 de agosto do 2021 Carballo ao día

A xuntanza celebrouse no salón de plenos

A xuntanza celebrouse no salón de plenos

A Mesa Local de Comercio, constituída no noso concello hai 10 anos, celebrou este xoves a súa xuntanza anual coa participación, por vez primeira, de Axober. A incorporación da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños fora acordada na sesión celebrada o 24 de febreiro do 2020, e hoxe puido facerse efectiva. O presidente da Mesa, o concelleiro Xosé Regueira, deu a benvida á representante de Axober e anunciou que, en cumprimento da lei que regula as mesas locais de comercio, a corporación municipal deberá nomear a un/ha novo/a representante, posto que debe haber unha representación paritaria da parte social e da parte institucional. A designación corresponderalle ao pleno da corporación.

Á xuntanza de hoxe asistiron as concelleiras Milagros Lantes, en representación do grupo municipal do BNG, e Paula Nogueira, do PP. Por parte do Centro Comercial Aberto participou Carmen Freire; pola Asociación de Comerciantes, Hostaleiros/as e Profesionais do Barrio da Milagrosa, José Manuel Mancebo, e por Axober Julia Rodríguez. O funcionario Vítor Recarei exerceu coma secretario.

Nesta ocasión non participaron nin a representante das organizacións de consumidores nin o da Xunta de Galicia. Con respecto a este último, o presidente da Mesa Local de Comercio informou de que por parte da Administración autonómica veñen de comunicar o cambio de representante, que no sucesivo será María Isabel Blanco, xefa de sección de Xestión Económica da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña.

O tema central da convocatoria foi a aprobación do calendario de actividades do CCA para este ano 2021, que saíu adiante por unanimidade. Carmen Freire realizou unha exposición das propostas, moitas delas xa desenvolvidas, e mostrou a intención da entidade de realizalas na súa integridade. Son estas:

  • Rebaixas de inverno
  • Día de San Valentín
  • Semana das Oportunidades (28 de febreiro a 06 de marzo)
  • Campañas día do pai / día da nai
  • Concurso “O prezo xusto” a través das redes sociais
  • Difusión, apoio e reparto de material das campañas promovidas pola Federación Galega de Comercio (días azuis) e a Xunta de Galicia (bonos activa comercio)
  • Campaña de imaxe do comercio local a través das RRSS
  • Campaña de primavera “que rule, que rule!” (12 e 19 de xuño)
  • Rebaixas de verán
  • Campaña volta ao cole
  • Mercadillo
  • Campaña de outono
  • Black Friday
  • Campaña de Nadal
  • Apoio publicitario a campañas
  • Comunicación e promocións a través das redes sociais
  • Mantemento e substitución de sinaléctica
  • Bolsas corporativas

A representante do CCA apuntou que tanto a Semana das Oportunidades coma o Merca e Dillo previsto para finais deste mes se desenvolven nos propios establecementos por mor da situación sanitaria e destacou a magnífica resposta das campañas en redes sociais, en especial o concurso “O prezo xusto”, con máis de 1.500 votacións diarias.

No apartado de rogos e preguntas, Xosé Regueira informou sobre as axudas ás entidades, para as cales está aberto nestes momentos o prazo de solicitude.

Compartir: