Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno inicia o procedemento de...

A Xunta de Goberno inicia o procedemento de contratación de obras de mellora de vías en varias parroquias por 740.000 euros

Os proxectos serán financiados con cargo ao remanente de tesourería do ano 2020 dentro dun paquete de actuacións de máis de 3 millóns de euros

Luns 16 de agosto do 2021 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local puxo en marcha na sesión ordinaria deste luns 16 de agosto o procedemento de contratación de dous proxectos de melloras viarias: un por importe de 233.354,83 euros para pavimentar 19 rúas urbanas e outro por 506.904,54 euros para a reparación de pistas nas parroquias de Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Carballo, Lema, Oza, Razo e Rus. En total, 740.259,37 euros, que forman parte dun paquete de proxectos por valor de 3.133.956,31 euros que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería do ano 2020.

O resto das actuacións, que se contratarán tamén nos vindeiros meses, son as seguintes:

  • Acondicionamento de aparcadoiros: 129.161,73 euros
  • Renovación da cuberta do graderío do campo de fútbol As Eiroas: 56.985,18 euros
  • Campaña de difusión e sensibilización da compostaxe na zona rural: 17.242,50 euros
  • Maquinaria e utillaxe para o cemiterio: 3.000 euros
  • Novo parque canino: 24.200 euros
  • Centro social en Xoane (Goiáns): 354.958,20 euros
  • Nova musealización do Museo de Bergantiños: 145.069,93 euros
  • Reurbanización da rúa Estrela: 145.733,60 euros
  • Reurbanización da rúa Lugo: 39.837,90 euros
  • Reurbanización da rúa Chile: 64.246,20 euros
  • Investimento en terreos: 300.000 euros
  • Mellora da rede de abastecemento da rúa Vázquez de Parga: 42.719,04 euros
  • Mellora das infraestruturas en Razo-Baldaio (pasarelas de madeira): 175.000 euros
  • Melloras no CEIP Gándara-Sofán: 216.286,66 euros
  • Melloras nos centros de ensino CEIP Fogar e escola de Queo: 45.700 euros
  • Mellora do auditorio do Pazo da Cultura: 633.556 euros

Outros acordos

Na sesión ordinaria deste luns tamén se adoptaron outros acordos, entre eles a concesión dunha subvención de 7.000 euros á Asociación Cultural O Molete Psicopop para a organización do Festival PopXiriaPop, que celebrará a súa 24ª edición os días 24 e 25 de setembro, con oito actuacións de grupos nacionais.

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude dunha subvención de 36.000 euros á Xunta de Galicia para a adquisición dun vehículo alternativo, mediante o sistema de renting, para a Policía Local. O obxectivo da Concellaría de Mobilidade e Seguridade é continuar coa renovación da flota de vehículos existente, substituíndo un dos máis antigos por outro con menor taxa de emisión de dióxido de carbono.

Tamén saíron adiante varias licenzas de obras, entre elas unha solicitada por Unión Fenosa Distribución para realizar unha instalación eléctrica nos lugares de Feira de Berdillo, O Barral, Armeade e Ganduma, e outra para a construción dunha nave industrial destinada a almacén de maquinaria e ferramentas de empresa madeireira no polígono industrial de Bértoa.

En materia de contratación, ademais das obras viarias, a Xunta de Goberno Local puxo en marcha os trámites relativos ao servizo de adecuación ao esquema nacional de seguridade e delegado de protección de datos do Concello de Carballo, por un importe total 70.966,48 euros.

Así mesmo, iniciouse o procedemento para a imposición de penalidades á empresa adxudicataria do contrato mixto de subministro e obra para a instalación de aparcamentos para bicicletas previsto no proxecto Cicl-Ando Carballo, debido ao retraso acumulado na execución dos traballos contratados.

Compartir: