A Concellaría de Promoción Económica incrementa ata os 70.000 euros a contía das subvencións a asociacións empresariais
Os recursos destinados a impulsar as actividades de dinamización empresarial e comercial aumentaron un 159% dende o ano 2015
Luns 16 de agosto do 2021 Carballo ao día
A Concellaría de Promoción Económica volve a aumentar os recursos destinados á convocatoria anual de subvencións destinadas a asociación de empresarios e comerciantes para impulsar acción de dinamización, programas de formación e actividades de promoción económica.
O Concello de Carballo quere seguir contribuíndo á revitalización dos diferentes sectores económicos, especialmente nestes tempos de crise, e con esa intención volvemos a incrementar a contía das axudas, que este ano acadarán os 70.000 euros, 10.000 máis que no 2020.
Dende o ano 2015, no que se convocaron por vez primeira estas axudas, os recursos destinados a financiar as actividades das asociacións empresariais e comerciais aumentaron un 159%, pasando de 27.000 a 70.000 euros en só seis anos.
As bases correspondentes ao exercicio 2021, que poden descargarse máis abaixo, foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 9 de agosto. Coa publicación do extracto, o día 13, comezaron a contar os 20 días naturais de prazo dos que dispoñen as entidades interesadas para presentar as súas solicitudes. O impreso tamén pode descargarse ao final desta nova.
As actividades subvencionables serán as de difusión, promoción e apoio do tecido empresarial local, a formación e as accións de dinamización da actividade económica local. Os gastos de carácter xeral da entidade (persoal e gastos correntes) serán subvencionables cando se adscriban á realización da actividade obxecto de subvención co límite máximo do 50% do orzamento total subvencionable, o que deberá quedar suficientemente motivado. Exclúense desta convocatoria os gastos de viaxes, manutención, aloxamento e atención protocolaria e os gastos que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria.