Inicio Carballo ao día Hemeroteca No polígono industrial de Bértoa...

No polígono industrial de Bértoa só quedan dispoñibles 9 parcelas, menos da metade que a principios de ano

A Xunta de Galicia está a tramitar o cambio de uso das dúas de maior superficie, tal como ten demandado o Concello, para facilitar a súa venda

Luns 9 de agosto do 2021 Carballo ao día

Cando empezou o ano, no polígono industrial de Bértoa había 20 parcelas dispoñibles. Sete meses despois só quedan 9, como pode comprobarse na páxina web de Xestur. O parque empresarial carballés segue a figurar neste 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo, aínda que, a este ritmo, pronto non haberá solo para comprar.

Coa intención de esgotar todas as posibilidades, tanto dende a asociación empresarial do propio polígono coma dende o Concello de Carballo tense solicitado a Xestur, como ente titular do polígono, o cambio da normativa que afecta ás dúas parcelas de maior tamaño que quedan dispoñibles e que teñen uso terciario, “uso que non ten demanda neste parque”, como recoñece Xestur. O máis solicitado é o uso industrial, e, coa modificación proposta, esas dúas parcelas poderían telo.

A modificación puntual que permitirá acometer o cambio de uso estivo en información pública dende o 14 de xuño ata o 27 de xullo. Agora, unha vez examinadas as suxestións presentadas, o seguinte paso será a aprobación inicial do documento. Unha vez remate o proceso administrativo, as dúas parcelas afectadas polo cambio, de 13.214 e 9.384 metros cadrados de superficie, poderán ter, entre outros, uso industrial. A maiores, nestes momentos están dispoñibles outras sete parcelas de 7.219, 992, 2.076, 1.891 e tres de 4.274 metros cadrados.

Licenzas de edificación

O polígono de Bértoa non só é líder en venda de parcelas, senón tamén en construción de naves. No primeiro semestre deste ano presentáronse no Concello de Carballo solicitudes de licenza de edificación para 8 novas naves, case tantas coma no ano 2020 (10) e máis que en calquera dos exercicios do período 2008-2014.

Só nos cinco anos do período 2016-2020 tramitáronse licenzas de construción de 83 naves. Nestes momentos, a superficie dispoñible na segunda fase do polígono, que foi a impulsada por Xestur, é menos do 7%.

Terceira fase

A tan demandada ampliación, comprometida pola Xunta de Galicia, aínda terá que agardar polo menos un par de anos. O parque empresarial carballés consta de dúas fases: unha primeira de 285.000 metros cadrados, construída en 1988 por iniciativa privada, e unha segunda de 718.000 metros cadrados, promovida por Xestur, que empezou a construírse no 2008 e foi inaugurada no 2010. Nestes momentos está en licitación a redacción do proxecto sectorial correspondente a unha terceira fase de 554.000 metros cadrados.

Estes son os prazos previstos pola Xunta:

  • Licitación: xuño 2021
  • Adxudicación: setembro 2021 
  • Fin da tramitación do proxecto de interese autonómico: finais do ano 2022
  • Expropiación dos terreos (Xestur xa é propietario do 50%, aproximadamente): ano 2023
  • Inicio da urbanización e do proceso de venda de parcelas: ano 2023

Compartir: