Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven as atraccións ao San Martiño...

Volven as atraccións ao San Martiño tras a publicación do DOG do decreto que permite a súa instalación nos concellos no nivel alto de restricións

Os postos de venda ambulante ligada ás festas e as atraccións de feira poderán manterse, en principio, ata finais de mes

Venres 6 de agosto do 2021 Carballo ao día

Algunhas atraccións xa se instalaron en xullo pero case non puideron funcionar

Algunhas atraccións xa se instalaron en xullo pero case non puideron funcionar

O Diario Oficial de Galicia publicado este xoves 5 coa actualización das normas de prevención da COVID-19 autoriza a instalación de atraccións de feira nos concellos en risco alto, como é o caso de Carballo, sempre que se cumpran unha serie de medidas. Este cambio normativo permite, polo tanto, o regreso das atraccións ao San Martiño, onde apenas puideron empezar a funcionar o mes pasado por mor das restricións existentes.

Aínda que se ofreceron distintos emprazamentos, finalmente, de acordo co sector, todos os postos, tanto de atraccións infantís coma de alimentación, estarán situados no San Martiño agás un, que estará na Praza do Concello. Despois de moitos meses sen poder traballar, as atraccións e os postos de venda ambulante poderán retomar a súa actividade este sábado e, en principio, ata finais de agosto.

Dada a importancia do sector do noso concello, é intención do Concello de Carballo facilitar o desenvolvemento dunha actividade económica fundamental para moitas familias, sempre cumprindo tanto coas normas municipais coma coas medidas de prevención da COVID-19 que establezan as autoridades sanitarias en cada momento. As publicadas no DOG de do 5 de agosto son as seguintes:

  • Nos espazos nos que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas esixibles a cada instalación ou actividade.
  • Deberá sinalizarse o espazo no que se desenvolvan as atraccións de maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados de entrada e saída.
  • Tanto o público coma o persoal deberá levar máscara e en todas as atraccións deberá haber xel desinfectante.
  • Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso. En todo caso, someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.
  • Non se permitirán piscinas de bólas, pola dificultade da súa limpeza, pero ese espazo poderá dedicarse a outra actividade lúdica para o público infantil. Nas atraccións inchables o aforo non superará o 50%.

Podes consultar a normativa autonómica polo miúdo ao final desta nova. Dende o Concello de Carballo tamén se toman medidas con respecto ao horario de apertura, que será como máximo de 10:00 a 21:00 horas, e non se permitirá música ambiental nin aparatos emisores de sons molestos para a veciñanza.

Ligazóns

Compartir: