Rematadas as obras de mellora de máis de 2 quilómetros de camiños de uso agrícola e forestal en Sísamo e Rus
O Concello de Carballo leva acondicionado nos últimos anos 12 quilómetros de vías cos fondos do plan Agader
Xoves 5 de agosto do 2021 Carballo ao día
Camiño en Rus
O Concello de Carballo vén de realizar un investimento de 60.000 euros na mellora de 2.175 metros máis de camiños de uso agrícola e forestal. Como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, o concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez, a empresa Excavaciones y Obras Candal xa rematou os traballos nas dúas vías das parroquias de Rus e Sísamo que foron acondicionadas dentro do plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para facilitar as tarefas agrícolas e forestais.
Camiño en Sísamo
Os traballos consistiron en adaptar o firme ás características do tráfico que soportan os camiños, mellorar a seguridade viaria, a integración ambiental e a sinalización, mantendo o trazado existente.
Na parroquia de Rus realizouse unha actuación ao longo de 875 metros, para mellorar o camiño que vai do lugar de Ferrol á AC-400, mentres que en Sísamo foron acondicionados 1.300 metros de vía entre Ramil e Figueroa. En ámbolos dous casos procedeuse á regularización das vías para acadar un ancho mínimo de 4 metros en todo o trazado e á adecuación dos sistemas de drenaxe.
Nos últimos anos o Concello de Carballo acondicionou 12 quilómetros de vías de uso agrícola e forestal en distintas parroquias cos fondos do plan Agader.
En todos os casos trátase de camiños de terra que soportan unha alta taxa de tráfico de vehículos agrícolas e forestais, e que precisaban unha actuación para garantir a seguridade e a normal circulación.