PRESENTAMOS O 3º CAPÍTULO DA SERIE AUDIOVISUAL!
"A Praia dos Libros" abre as súas portas tamén no mes de agosto como bibliopraia e punto de información turística
Na caseta tamén atoparás un punto de bookcrossing, revistas de pasatempos “A píllara das dunas”, postais “Máis de Carballo que o pan” e cinceiros-contedores con forma de cono
Luns 2 de agosto do 2021 euqueroRB
Mira que vistas ten a bibliopraia!
A biblioteca coas mellores vistas do mundo tamén abre en agosto as súas enormes fiestras que miran ao mar. Os horarios varían lixeiramente con respecto ao mes de xullo, así que toma nota:
- Bibliopraia: aberta de luns a venres de 13:30 a 16:30 horas.
- Punto de información turística: de martes a venres de 11:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:30 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 15:30.
Se queres utilizar o servizo de bibliopraia abonda con presentar o teu carné da biblioteca para acceder ao préstamo de material durante sete días. Se non tes carné tamén podes facelo (só precisarás o DNI) ou recorrer ao servizo de bookcrossing, que está tendo moitísimo éxito e que xa forma parte da rede internacional de bookcrossing.
Pero A Praia dos Libros ofréceche moito máis! Achégate e solicita, de balde, unha revista de pasatempos “A píllara das dunas”, ou leva de recordo a postal que máis che guste da campaña “Máis de Carballo que o pan”, ou mesmo pídenos un contedor con forma de cono para as cabichas ou as cascas das pipas.
E non deixes de ver as micro-películas que fixemos este verán con Galeatro para seguir animándote a ler. Hoxe presentamos a terceira, e agardamos que che guste!