Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicadas as obras de ampliación do...

Adxudicadas as obras de ampliación do cemiterio municipal, que nesta 1ª fase inclúen a construción de 720 nichos e 96 columbarios

A Xunta de Goberno Local tamén contratou os traballos de reforma dos almacéns de Protección Civil e o subministro dunha aplicación web para o servizo de axuda no fogar

Luns 2 de agosto do 2021 Carballo ao día

Cemiterio municipal

Cemiterio municipal

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a adxudicación da primeira fase das obras de ampliación do cemiterio municipal á empresa Vázquez y Reino por un importe de 647.008,93 euros. O prazo de execución do proxecto será de catro meses, a partir da sinatura da acta de comprobación dos planos sobre o terreo, e permitirá paliar a actual escaseza de nichos.

Nesta primeira fase prevese a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo inclúe nove bloques de niños _dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados_ e cinco de columbarios. Tanto nun caso coma noutro, a disposición dos nichos será en catro alturas e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo actual. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.

Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eilimnación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.

A ampliación do cemiterio é unha das obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019. Outra delas, que tamén foi adxudicada hoxe, é a reforma parcial dos almacéns municipais situados na esquina da avenida da Cristina coa rúa Xasmíns para garaxe de Protección Civil. A empresa construtora será tamén a carballesa Vázquez y Reino, por un importe de 76.078,60 euros.

Aplicación web para o servizo de axuda no fogar

En materia de contratación tamén foi adxudicado á mercantil Consultoría e Informática para la Gestión Social, por 18.904,02 euros para un período de catro anos, o subministro da aplicación web para a xestión do servizo de axuda no fogar.

Este contrato permitirá ao Concello de Carballo dispoñer de seis licenzas de uso para o persoal municipal e da empresa externa prestadora do servizo para automatizar todas aquelas tarefas que implica a xestión do servizo, dotando ao departamento de Igualdade, Benestar e Sanidade dunha ferramenta que garantirá a dispoñibilidade permanente de toda a información relativa á prestación nun único repositorio, en tempo real e de forma ordenada, e que esa información poida utilizarse para mellorar a xestión a diferentes niveis (estandarización de procesos, control real de servizos prestados, garantía de calidade ás persoas usuarias, xestión de co-pagos...).

Outros acordos

  • Facturas por un importe total de 75.399,84 euros.
  • Bases e convocatoria para a selección dunha praza de funcionario de carreira, subescala de administración especial, subescala técnica, clase técnicos superiores, técnico/a de normalización lingüística, incluída na oferta de emprego público do Concello de Carballo para 2019.
  • Concesión dunha subvención nominativa de 6.400 euros á Asociación Ambiental Senda Nova para o desenvolvemento da Escola Ambiental Senda Nova – Concello de Carballo, na que participan cada ano entre 12 e 25 nenos e nenas de 3º a 6º cursos de Primaria.
  • Bases reguladoras de subvencións a asociacións de empresarios e comerciantes para actividades de promoción económica 2021.
  • Licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á ampliación dun edificio de uso comercial e administrativo situado entre as rúas Esquío, Concepción Arenal e Vázquez de Parga, cun orzamento de 429.429 euros.
  • Expedientes de contratación das obras de rehabilitación da cuberta e substitución da varanda da tribuna do estadio municipal das Eiroas, por 56.985,18 euros, e da rede de subministro de auga potable ao núcleo de Pedra do Sal, por 687.472,26 euros.

Compartir: