No primeiro semestre presentáronse no Concello solicitudes de licenza para a construcción de 27 vivendas
Comezaron as obras do edificio de pisos que se constrúe en Carballo dende que pinchou a burbulla inmobiliaria
Venres 30 de xullo do 2021 Carballo ao día
Edificio en construción entre as rúas Nicaragua, Brasil e Costa Rica
No primeiro semestre do 2021 presentáronse no Rexistro Municipal solicitudes de licenza para a construción dun total de 27 vivendas, 11 delas correspondentes a un único edificio que se situará na rúa Perú. Será o segundo que se constrúe no noso concello dende o ano 2008, cando pinchou a burbulla inmobiliaria. O primeiro, situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil, xa está en obras.
Tal como figura na licenza aprobada no seu momento, o inmoble da rúa Brasil terá unha superficie total construída de 3.176 metros cadrados, distribuídos entre o soto, que albergará 12 prazas de garaxe, 13 rochos e un local de reserva para RSU; a planta baixa, con 11 prazas de garaxe, 6 rochos, cuartos de instalacións, local para centro de transformación e portal de acceso ás vivendas, catro plantas con catro vivendas en cada unha delas e unha quinta baixo cuberta na que haberá 3 vivendas máis. En total, 19 vivendas, 23 prazas de garaxe e 19 rochos.
O orzamento de execución material ascende a 1.671.732,92 euros. Ademais da construción do edificio, o promotor asume a urbanización dos terreos e cede ao Concello de Carballo unha superficie de 40 metros cadrados para a regularización do viario público.
O sector da construción de vivendas continúa padecendo aínda os efectos do bum inmobiliario da primeira década dos 2000. No noso concello, o récord acadouse no ano 2006, no que se tramitaron solicitudes para 1.138 vivendas. A cifra caeu en picado a partir do 2008, e nos anos 2013 e 2014 tocou fondo, con só 6 vivendas cada ano. Dende o ano 2009, a práctica totalidade das licenzas solicitadas foron para casas unifamiliares.
No 2018 presentouse a primeira solicitude para a construción dun edificio de pisos, en concreto o situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil. A licenza foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a finais de xaneiro do 2019, e as obras veñen de empezar nas últimas semanas.