MEDIO AMBIENTE
No primeiro semestre recuperamos máis de 36 toneladas de téxtil usado para darlle unha segunda vida
A recollida selectiva de xaneiro a xuño nos contedores de Humana equivale a 163.000 pezas de roupa
Mércores 28 de xullo do 2021 Carballo ao día
Humana ten 34 colectores no noso concello
Durante o primeiro semestre do ano, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores da Fundación Humana un total de 36.214 quilos de téxtil usado para darlle unha segunda vida a través da reutilización ou a reciclaxe. A recollida selectiva de residuo téxtil representa un lixeiro descenso respecto a o primeiros seis meses do ano pasado (41.381 kg).
Os carballeses e as carballesas revisaron os seus armarios e depositaron nos contedores a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizan. As máis de 36 toneladas recuperadas por Humana equivalen a 163.000 pezas, cuxa xestión, que permitirá alongar a súa vida útil, implicará un dobre beneficio.
O primeiro é ambiental, porque reduce a xeración de residuos e evita que acaben nunha entulleira. Ademais, a recuperación do residuo téxtil no que levamos de ano evita a emisión de 114 toneladas de CO2 á atmosfera.
O segundo beneficio é social: consiste na creación de emprego verde, xa que Humana xera un emprego indefinido por cada 30.000 kg de téxtil recollido. Ademais, os recursos obtidos destínanse a proxectos sociais: en tres décadas de actividade, tres millóns de persoas víronse involucradas nos programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de socios locais: formación de profesorado de primaria, impulso da agricultura sostible ou loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións.
“Ao obter o máximo aproveitamento do téxtil e darlle unha segunda vida, convertemos os residuos en recursos e dotámoslles dun fin social”, afirma Ricardo Rodríguez, responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, “as pezas que se recuperan son un activo que, xestionado debidamente, convértese en motor de emprego e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio Sur, e de apoio local e agricultura urbana e social no noso país. Por iso, damos as grazas á cidadanía pola súa colaboración”.
O futuro do sector
Cada galego/a refuga entre 20 e 30 quilos de téxtil ao ano
Cada galego/a refuga cada ano entre 20 e 30 quilos de téxtil, pero só se recupera o 10%. Sen embargo, a recollida selectiva de roupa ten moito potencial para garantirlle unha segunda vida: o 50% pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar. Por iso é importante que se deposite nun contedor de roupa; pero case o 90% do residuo téxtil non acaba no punto de recollida adecuado.
O principal destino das prendas depositadas nos contedores de Humana é a reutilización, que supón o 54%. As prendas cuxo estado non permite que sexan reutilizadas véndense a empresas de reciclaxe téxtil, e os residuos impropios depositados nos colectores derívanse a xestores autorizados.