Inicio Carballo ao día Hemeroteca O socialista César Fernando Varela Novo...

O socialista César Fernando Varela Novo toma posesión como concelleiro en substitución de María Torres Pose

A corporación municipal de Carballo celebrou este luns pleno ordinario presencial pero sen público debido ao aumento da incidencia da COVID-19

Martes 27 de xullo do 2021 Carballo ao día

Toma de posesión do novo concelleiro do PSOE

Toma de posesión do novo concelleiro do PSOE

A corporación municipal de Carballo volve a estar ao completo desde este luns, tras a toma de posesión do socialista César Fernando Varela Novo en substitución de María Torres Pose, que presentara a súa renuncia como concelleira no pleno de maio. O cambio no grupo municipal do PSdG-PSOE é o segundo que se produce na corporación neste mandato, tras o relevo de Ricardo Vilas Otero por Beatriz Neira Varela no PP.

O pleno ordinario do mes de xullo, cunha extensa orde do día, celebrouse de xeito presencial pero sen público, debido ao preocupante aumento dos casos de COVID-19 no noso concello nos últimos días. Estes foron os acordos adoptados:

  • Determinación dos festivos locais para o ano 2022. Serán o 1 de marzo, Martes de Entroido, e o 25 de xuño, un dos días grandes das festas patronais. O 24 de xuño, día de San Xoán Bautista, será festivo autonómico o ano que vén. Aprobado por unanimidade.
  • Aprobación inicial da modificación puntual do PXOM para a delimitación do núcleo rural da Ponte Rosende, por unanimidade.
  • Aprobación provisional, tamén por unanimidade, da modificación puntual número 8 do PXOM, que permitirá a construción dun aparcamento para camións no polígono industrial de Bértoa. A modificación afecta a unha superficie de 4.684 metros cadrados, con capacidade para 42 vehículos.
  • Aprobación inicial do regulamento do fondo social do persoal do Concello de Carballo. Votaron a favor todos os grupos agás Terra Galega, que se abstivo.
  • Aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo (RPT) á vista da estrutura orgánica e das necesidades de distintos departamentos. Neste caso TeGa votou en contra, o PP abstívose e PSOE e BNG, a favor.
  • Aprobación inicial da modificación do cadro de persoal do Concello de Carballo para o ano 2021 como consecuencia do proceso selectivo de 13 administrativos/as por promoción interna. O resultado da votación foi o mesmo que no punto anterior.
  • Modificación do contrato administrativo de xestión do servizo da recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que pasa a ter un custe de 764.615,69 euros ao ano, o que supón unha minoración con respecto ás tarifas anteriores. Todos os grupos votaron a favor agás o PSOE, que se abstivo.

Mocións

  • Moción do PSOE para a creación dun servizo municipal de urxencias sociais as 24 horas do día e os 365 días do ano. Foi rexeitada. Votaron en contra BNG e PP, argumentando que o servizo estase a prestar xa de facto. TeGa abstívose.
  • Moción do PSOE para que as persoas con mobilidade reducida con tarxeta de aparcamento para prazas reservadas poidan aparcar na zona azul sen límite de tempo. O resultado da votación foi o mesmo que na moción anterior.
  • Moción do PSOE para a instalación de lombos nos principais accesos a Carballo. O BNG introduciu unha emenda, que foi aceptada polo grupo socialista, para solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña, como titulares das vías afectadas, que coloquen elementos que contribúan ao calmado do tráfico e á redución da velocidade meses treitos, adoptando a solución que o persoal técnico estime máis axeitada en cada caso. BNG e PSOE votaron a favor e os outros dous grupos abstivéronse.
  • Moción do PP sobre a seguridade viaria no acceso á praia de Razo. O BNG tamén presentou una emeda, que foi aceptada polos populares, e todos os grupos agás TeGa, que se abstivo, votaron a favor do texto definitivo.
  • Moción do PP sobre o programa Next Generation. Tamén neste punto o BNG presentou unha emenda, que non foi aceptada polos populares. Aínda así, votaron a favor todos os grupos agás o PSOE, que se abstivo.
  • Moción do PP en apoio do Xacobeo 21-22. Tras a supresión das alusións a Abel Caballero e Galiza Nova, a iniciativa foi aprobada por unanimidade.
  • Rogos e preguntas: Terra Galega presentou catro preguntas relativas á pista vermella do Chorís, o uso do aparcamento do Gadis Híper como pista de carreiras por parte dalgúns condutores, a senda ciclo-peonil ata o colexio Artai e a actualización do portal de transparencia do Concello.

Descargas

Compartir: