Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo regresa ao nivel alto de...

COVID-19

Carballo regresa ao nivel alto de restricións debido ao importante incremento dos contaxios nos últimos días

O Sergas comunicou este venres 165 casos activos, seis máis que o día anterior e 79 máis que o venres pasado

Venres 23 de xullo do 2021 Carballo ao día

A incidencia da COVID-19 no noso concello disparouse ata situarse nos 477 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, nos que se contabilizaron 150 contaxios. A incidencia a 7 días diminuíu lixeiramente con respecto aos días precedentes e sitúase nos 94 casos. Pero os activos seguen aumentando: hoxe o Sergas comunicou 165, seis máis que onte e 79 máis que o venres pasado. Como consecuencia destes datos, a Consellería de Sanidade volveu a decretar para o noso concello o nivel alto de restricións a partir das 24.00 horas deste venres.

Os principais cambios con respecto á situación precedente refírense ao deporte e, moi especialmente, á hostalaría. Así queda a situación:

Con respecto á práctica deportiva ao aire libre, pódese realizar de forma individual ou colectiva, nete caso respectando as limitacións vixentes sobre grupos de persoas. Nas instalacións e centros deportivos pechados, en grupos de ata 6 persoas, conviventes ou non, e cunha ocupación máxima do 50%. En piscinas, tanto ao aire libre coma cubertas, a ocupación máxima tamén será do 50%.

Nos espectáculos musicais ou artísticos ao aire libre, o público debe estar sentado, sen superar o 50% de capacidade e ata un límite de 2.500 persoas.

Na hostalaría poden prestarse servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, entrega a domicilio. En terraza e no interior a ocupación será do 50% como máximo, respectando o límite de grupos de 10 persoas no exterior e de 6 no interior. Para consumir dentro los locais tamén se esixe que as persoas maiores de 12 anos presenten un certificado emitido polo servizo público de saúde que acredite:

  • Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19.
  • Que disponen dunha PDIA negativa realizada nas 72 horas anteriores.
  • Que o titular se recuperou dunha infección e está no período comprendido entre os días 11 e 180 dunha PDIA positiva.
O horario de peche será ás 23:00 horas, ampliable ata as 01:00 sempre que se cumpran as medidas previstas no Plan de Hostalaría Segura.

Os mesmos requisitos de acceso establécense para establecementos de xogos colectivos de diñeiro e azar, salóns de xogo, recreativos, apostas e similares.

E os establecementos de lecer nocturno, como pubs ou discotecas, só poderán prestar servizo nas terrazas ao aire libre, cun máximo do 50% de ocupación e coa clientela sentada en mesa. Non se permite a instalación de barras nas terrazas. O horario máximo de peche será ás 01:00.

Podes consultar as medidas ao detalle no Diario Oficial de Galicia, que podes descargar aquí abaixo.

Descargas

Compartir: