Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acollerá os días 7 e 8 de...

Carballo acollerá os días 7 e 8 de outubro o 8º Congreso Cidades que Camiñan, co lema "Andando enténdese a xente"

Representantes da Rede de Cidades que Camiñan e do Concello de Carballo presentárono hoxe

Martes 20 de xullo do 2021 Carballo ao día

Xa temos datas para a celebración do 8º Congreso Cidades que Camiñan! Carballo converterase os días 7 e 8 de outubro no punto de encontro das 63 cidades de 3 países que integran a día de hoxe a Rede de Cidades, pero tamén de todas as entidades, institucións e persoas que queiran sumarse. De feito, as inscricións poderán realizarse, de balde, cubrindo o formulario que estará dispoñible nos vindeiros días na páxina web www.ciudadesquecaminan.org.

Os primeiros detalles do congreso déronse a coñecer na presentación telemática que realizamos hoxe coa participación de Ana Montalbán, secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñán; Miguel Anxo Fernández Lores, presidente da Rede e alcalde de Pontevedra, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

O lema, “Andando enténdese a xente”, xa di moito, pero Ana Montalbán explicou que será un congreso “centrado na camiñabilidade, en como facer mellores as nosas cidades para camiñar e para estar na rúa, para a recuperación do espazo público para as persoas, en definitiva”.

O 7 de outubro pola tarde celebrarase a asemblea xeral das cidades da Rede, e o 8 abriremos as portas do Pazo da Cultura para recibir a todas as persoas que queiran achegarse e participar nas actividades previstas. A sesión inaugural, como avanzou Fernández Lores, correrá a cargo de Pedro Torrijos, arquitecto, urbanista e divulgador cultural con moitísima presenza en redes sociais. Pero ao longo da xornada contaremos coa participación de moitas outras persoas expertas en urbanismo, mobilidade e sostibilidade, e poremos en común as experiencias de distintas cidades que camiñan en cuestións como os límites de velocidade, a ocupación do espazo público ou as zonas de baixas emisións, que están agora mesmo na carteira de moitas cidades.

O presidente da Rede e alcalde de Pontevedra agradeceu a acollida de Carballo, “unha vila grande que ten traballado moitísimo coas cidades que camiñan e é moi intresante coñecer a súas actuacións” e animou á hostalaría local a facer “un esforzo especial” para converterse tamén en escaparate para todas as persoas que nos visitarán dende outros puntos da península. Miguel Anxo Fernández Lores agarda que a situación sanitaria mellore nos vindeiros meses para que este 8º congreso se converta “no primeiro da normalidade”.

Ademais de compartir o desexo do seu homólogo, Evencio Ferrero destacou a importancia dos encontros presenciais para “intercambiar pareceres, sacar alternativas, facer propostas, deseñar melloras, resolver problemas... nunha rede que cada vez está formada por máis cidades”. O alcalde de Carballo lembrou que a organización deste 8º congreso é unha das oportunidades que fixo posible a concesión ao noso concello, no ano 2018, do Premio Cidades que Camiñan na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes. “Carballo é a porta da Costa da Morte e sempre nos preocupará o crecemento verde, a promoción da conciencia cidadá en temas medioambientais e o crecemento sostible”, asegurou.

Ligazóns

Compartir: