TECNOLOXÍA
Carballo acolle a cúpula inchable de R para promover as novas tecnoloxías
Mércores 20 de setembro do 2006
Carballo é o próximo municipio onde se instalará a cúpula, que xa percorreu trece localidades dende 2005 e visitará outras sete antes de final de ano. Catro monitores encargaranse de coordinar a entrada do público e de orientar aos visitantes para gozar de calquera das actividades lúdicas da cúpula e que todos poidan aproveitar con comodidade as posibilidades que estes recintos ofrecen. Despois da súa estanza en Carballo, a cúpula viaxará a Monforte e a A Rúa. Pese á súa espectacularidade, esta instalación móntase en só 20 minutos. Trátase dunha grande estrutura inchable -de 175 metros cadrados de superficie, 15 metros de diámetro e 9 de altura-, deseñada en exclusiva para R por Quim Guixá, enxeñeiro recoñecido mundialmente polo seu traballo en eventos do nivel dos Xogos Olímpicos do 92, a Expo de Sevilla ou a Exposición Universal de Xapón, entre outros moitos escenarios.
No interior da cúpula o visitante pode percorrer varios módulos e descubrir, divertíndose, novas dimensións das tecnoloxías da información e a comunicación. Os máis pequenos teñen a súa propia zona, onde poderán montar un quebracabezas xigante de Disney Channel e debuxar ás súas anchas ou facerse con algún dos obsequios que ten preparadas a canle Sol Música para os visitantes. Noutro módulo instaláronse dous coches de fórmula 1: a través dunha consola os pilotos compiten nunha carreira que se proxecta nunha pantalla lateral da cúpula, co que o público tamén pode gozar do espectáculo. Outro dos grandes atractivos da cúpula inchable son os chamados "eye - toy", nos que o participante é o protagonista do seu propio xogo virtual: unha cámara proxecta nunha pantalla a súa imaxe lanzándolle ‘chutes’ ao Pato Donald, limpando os cristais dun rañaceos ou competindo en deportes urbanos, por mencionar só algunhas das actividades dispoñibles. Ademais, as cúpulas albergan un "videomatón" -para que o visitante sexa o actor principal da súa propia minipelícula durante 30 segundos-, un panel para acoplar o noso rostro a corpos fotografados ou unha zona de ordenadores con aplicacións interactivas para saber como funcionan e aprender a identificar doadamente os distintos compoñentes dun equipo informático, entre outras cousas.