Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local aproba a...

A Xunta de Goberno Local aproba a concesión de 277 axudas para alumnado do 2º ciclo de Infantil e do CMUS

Adxudicado o contrato do servizo do programa Concilia, que entrará en vigor o 1 de setembro

Luns 19 de xullo do 2021 Benestar

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión celebrada este luns a concesión dun total de 277 axudas ao estudo para alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música (CMUS). No primeiro caso serán 251 axudas, por un importe total de 37.650 euros, e no segundo, 26 bolsas por 4.551 euros.

Tamén saíron adiante hoxe as subvencións de conciliación da vida familiar correspondentes aos campamentos de verán do ano 2019.

En materia de conciliación, a Xunta de Goberno Local tamén adxudicou a prestación do programa Conciliaá empresa A Billarda S.L. por un ano, que empezará a contar o 1 de setembro do 2021, con posibilidade de tres prórrogas anuais. Precisamente nestes momentos está aberto o prazo de matrícula: 

  • Ata o 9 de agosto, para o curso completo. Este ano hai 120 prazas no CEIP Fogar (70 con almorzo e 50 sen el), 70 no CEIP Bergantiños (40 con almorzo e 30 sen el) e 30 no CEIP Gándara-Sofán (20 con almorzo e 10 sen el).
  • Ata o 13 de agosto, para o período comprendido entre o 1 de setembro e o día de inicio das clases. Neste caso o servizo non se prestará nos colexios senón no Centro de Ocio Bonecos, situado no lugar de Mirón, nº24, de Bértoa. Hai 30 prazas.

As persoas interesadas atoparán toda a información aquí.

Outros acordos

Na sesión deste luns foron aprobadas gratificacións por algo máis de 12.000 euros e facturas por 23.000. Así mesmo, establecéronse os presos públicos para dúas das actividades formativas do Festival Carballo Interplay: o Taller Kamikaze, que custará 150 euros; e o Taller de creación de contido con Freeda, 20 euros.

Tamén saíron adiante varias licenzas urbanísticas e a proposta de adquisición dunha parcela de 3.000 metros cadrados en Xoane para a construción do centro social da parroquia de Goiáns. O importe total é de 5.000 euros, dos cales a metade sufragaraos o Concello e a outra metade, a veciñanza, seguindo o sistema que vén utilizando con tan bos resultados o Concello de Carballo para a adquisición de solo para equipamentos nas parroquias. Con fondos municipais tamén se financiarán a redacción do proxecto e a execución da obra.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Vázquez y Reino o contrato mixto de subministro e obras de mellora da seguridade viaria no polígono industrial de Bértoa, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019 con 166.460,28 euros.

En materia de contratación, por último, foi adxudicado á empresa PW Advisory & Capital Services, por 9.728,70 euros, o contrato de servizos de asistencia técnica para a inspección e auditoría do contrato de xestión dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, transporte, punto limpo e canceira municipal.

Compartir: