Toman posesión dous novos oficiais da Policía Local
María José Fraga Bello e Pedro José Cancela González acadaron as mellores puntuacións no proceso de selección por promoción interna realizado pola Academia Galega de Seguridade
Venres 16 de xullo do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero, María José Fraga, Pedro Cancela e Juan Seoane
A Policía Local de Carballo conta dende hoxe con dous novos oficiais. Nun acto celebrado esta mañá na Alcaldía, María José Fraga Bello e Pedro José Cancela González tomaron posesión dos seus cargos tras acadar as mellores puntuacións no proceso de selección por promoción interna realizado pola Academia Galega de Seguridade.
María José Fraga, que comezou a súa traxectoria profesional no ano 1992 como interina na Policía Local de Carballo e que xa exerceu como oficial en Vilagarcía entre outubro de 1993 e xuño do ano seguinte, converteuse no 1994 na primeira muller funcionaria de policía do noso concello. Do mesmo xeito, tras o nomeamento de hoxe convértese na primeira muller oficial da Policía Local de Carballo.
Pedro Cancela, pola súa banda, exerceu como axente da Policía Local de Ordes dende o ano 2006 ata o 2015, no que se incorporou ao equipo da Policía Local de Carballo en comisión de servizos.
O acto de toma de poesión celebrouse na Alcaldía
O cadro de oficiais da Policía Local de Carballo complétase con José Luis Caamaño Domínguez, que tomou posesión como funcionario de carreira no mes de marzo deste mesmo ano, e con Roberto Mosquera, que exerce como xefe accidental do corpo municipal.
No acto de hoxe participaron o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que destacou a profesionalidade dos novos oficiais e desexoulles moita sorte no cumprimento das responsabilidades que veñen de adquirir.