Inicio Carballo ao día Hemeroteca En marcha as obras de reforma do pavillón...

En marcha as obras de reforma do pavillón polideportivo Carballo Calero e da antiga escola de Arrabais

O alcalde, o concelleiro de Deporte e Cultura e a concelleira de Mocidade visitaron os dous edificios

Martes 13 de xullo do 2021 Carballo ao día

Visita ao pavillón Carballo Calero

Visita ao pavillón Carballo Calero

Entre as actuacións que financiaremos con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019 figura a reforma de varios edificios municipais. En dous deles, a antiga escola de Arrabais e o pavillón polideportivo Carballo Calero, xa está a traballar a empresa adxudicataria, a carballesa Covisam Norte. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Mocidade, Maruxa Suárez, achegáronse para ver a evolución das obras.

Visita á obra da Milagrosa

Visita á obra da Milagrosa

O obxectivo da intervención no pavillón Carballo Calero é, fundamentalmente, solucionar os problemas de filtracións de auga, humidades e condensación. Con esa finalidade procederase á mellora da envolvente do edificio, que ten unha superficie de 1.720 metros cadrados, mediante a substitución integral da cuberta e o revestimento das fachadas. As obras inclúen ademais o mantemento da carpintaría exterior, a substitución dos portais e a mellora do acceso a dous almacéns situados na parte traseira do pavillón. O proxecto ten un orzamento de 255.312,90 euros.

Na antiga escola de Arrabais, por outra banda, estase a desenvolver unha reforma integral que optimice o seu uso actual como centro social do barrio da Milagrosa. As obras, que teñen un orzamento de 147.317,86 euros, inclúen unha reforma integral tanto do interior coma do exterior. Por unha banda, co cambio da cuberta de fibrocemento por tella recuperaranse as condicións estéticas orixinais do exterior do edificio inaugurado no ano 1929; por outra, renovaranse os elementos construtivos existentes (soportal, muros, solos...) e melloraranse as condicións de habitabilidade con novos aseos e instalacións de electricidade, iluminación, fontanería, saneamento, climatización e ventilación, seguridade.

Compartir: