Axentes da Policía Local de Carballo fórmanse en reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores
Os novos vehículos do corpo policial están equipados con equipos que permiten responder con rapidez ante unha emerxencia cardiaca
Luns 12 de xullo do 2021 Carballo ao día
O curso celebrouse nas dependencias policiais
Axentes da Policía Local de Carballo participaron esta fin de semana nun curso teórico-práctico de 4 horas de duración sobre os fundamentos da reanimación cardiopulmonar e o manexo de desfibriladores. Esta acción formativa, impartida por un experto na materia, está ligada ao equipamento dos novos vehículos policiais, que contan, entre outros extras, con desfibriladores. Deste xeito poderán responder coa máxima rapidez ante unha emerxencia cardiaca.
O Concello de Carballo dispón de desfibriladores semiautomáticos (DESA) non só nos vehículos policiais, senón tamén nas praias ou en instalacións nas que se congrega moito público, como é o caso dos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia ou dos campos de fútbol municipais, así coma do Pazo da Cultura. A instalación deste tipo de equipamentos sempre leva aparellada a formación correspondente. Deste xeito, a día de hoxe temos a máis de cincuenta traballadores/as preparados para utilizar os desfibriladores en caso de necesidade.