Inicio Carballo ao día Hemeroteca A "nebria das praias" súmase...

A "nebria das praias" súmase á píllara e ao arroaz como símbolos da sustentabilidade que queremos para o noso litoral

Inaugurada no Castrillón (Lema) unha escultura da “Eurynebria complanata” elaborada polo artesán Fabián Lage

Luns 12 de xullo do 2021 euqueroRB

Fabián Lage, Maruxa Suárez e Jorge Ramos, xunto á escultura

Fabián Lage, Maruxa Suárez e Jorge Ramos, xunto á escultura

No ano 2019 foi a píllara; no 2020, o arroaz, e no 2021, a “nebria das praias”: tres especies animais completamente diferentes e que, sen embargo, teñen en común que as tres forman parte da fauna que podemos atopar na costa carballesa e que, a través das esculturas colocadas en Razo, Pedra do Sal e Castrillón, as tres convértense en símbolos da sustentabilidade que queremos para o noso litoral.

O sábado 10 de xullo inauguramos no miradoiro de Santa Irene (Castrillón-Lema) a escultura da Eurynebria complanata realizada polo artesán Fabián Lage. Como as anteriores, na súa elaboración reutilizáronse materiais de distintas procedencias. O corpo do xigantesco insecto, de case unha tonelada de peso, está formado cos troncos de dúas árbores enfermas que houbo que cortar na Milagrosa. “Cortáronse, saneáronse e empatáronse ao medio cunha mestura de acha e cola –explicou o artista-. As patas están feitas con restos dos antigos enreixados de cor vermella que había no xardín da Praza do Concello, e o resto son anacos de metal vello e oxidado”. A súa mensaxe incide na urxencia de tomar medidas para evitar “un futuro apocalíptico” ou “a extención”.

A escultura, que pesa case unha tonelada, está feita cos troncos de dúas árbores enfermas que houbo que cortar e restos do antigo enreixado de cor vermella da Praza do Concello

Á inauguración asistiron, ademais do autor da escultura, a concelleira Maruxa Suárez e as persoas participantes na ruta para coñecer a flora e a fauna de Baldaio que realizou esa mesma mañá o Grupo Naturalista Hábitat dentro do programa “eu quero Razo-Baldaio”. Jorge Ramos, guía da entidade ecoloxista, salientou a elección da “nebria das praias” porque “non debe haber moitas esculturas de escaravellos en todo o territorio nacional nin en Europa”, e explicou que esta especie está presente en distintos puntos de Europa e mesmo no norte de África, “e é algo que nos ten que unir a prol da conservación da natureza, de espazos coma este de Razo-Baldaio, que son moi emblemáticos pero tamén moi fráxiles”.

Jorge Ramos asegurou que o espazo natural de Razo-Baldaio é “único en Europa”, e que a Eurynebria complanata tamén é unha especie única. “A limpeza excesiva das praias está acabando coas pulgas, e coa nebria das praias, que se alimenta delas. E a píllara das dunas tamén depreda sobre a nebria, o que fai un efecto dominó que pon en risco todo o ecosistema das praias. Baldaio non é un parque infantil, senón un ecosistema”, subliñou.

Maruxa Suárez, pola súa banda, explicou que se escolleu o miradoiro de Santa Irene para colocar a escultura porque “queremos poñer en valor este lugar marabilloso, que pensamos que non é suficientemente coñecido”, e dende o cal, ademais, hai unha fermosísima panorámica do hábitat da Eurynebria complanata.

Seguide o seu consello e achegádevos! Paga moitísimo a pena.



Galería

Compartir: