Regulación de atraccións feirais e venda ambulante temporal para o ano 2021
Martes 6 de xullo do 2021
Coa finalidade de apoiar a reactivación do sector das atraccións de feira e a venda ambulante ligada ás festas, que conta cunha forte implantación no noso concello, dende a Concellaría de Feiras impulsamos a reorganización dos espazos destinados a estas actividades.
Despois de moitos meses sen poder traballar debido ás restricións derivadas da COVID-19, as atraccións e os postos de venda ambulante poderán retomar a súa actividade de acordo co regulamento que figura ao final desta nova e que se elaborou tomando como base a normativa sanitaria vixente, a ordenanza municipal de feiras e mercados e o protocolo de boas prácticas publicado pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Unión de Industriales Feriantes de España.
Dada a importancia do sector do noso concello e a imposibilidade de instalación de todos os postos na Praza do Concello por non reunir as condicións necesarias para o cumprimento dos aforos e distancias esixidos pola situación sanitaria, optouse por repartilos en distintos espazos próximos a parques infantís e cunha oferta de alimentación e produtos infantís inexistente ou escasa. Son os seguintes:
- Zona aparcamento San Martiño, dedicado a atraccións de feira e postos de alimentación: 5 postos grandes para atraccións feirais (9x9 metros) e 6 postos de tamaño medio (4X4)
- Contorna do parque Rego da Balsa: 2 postos de alimentación (3x3)
- Praza do Concello: 2 postos de alimentación (3x3)