As campañas anuais de roza e mantemento de vías avanzan dende as parroquias da costa cara o interior do concello
A rede viaria municipal ten máis de 1.200 quilómetros, máis da metade correspondentes a vías asfaltadas
Venres 2 de xullo do 2021 Carballo ao día
Juan Seoane, Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Vilela
Con máis de 1.200 quilómetros de vías de titularidade municipal e a necesidade de concentrar os labores de roza e mantemento nos meses de verán para que sexan máis efectivos e duradeiros, a limpeza das marxes das pistas e a posta a punto do firme convértese nesta época do ano nunha tarefa contra-reloxo.
Por primeira vez, o Concello de Carballo conta cun servizo de mantemento integral da rede viaria no que traballan operarios municipais e empresas externas, e a nosa intención é aproveitar ao máximo a época estival para ter as pistas municipais nas mellores condicións posibles antes do inverno.
Os traballos comezaron pola zona costeira. Para os labores de roza están dispoñibles a diario entre 5 e 10 tractores. Ademais das actuacións que se realizan na rede viaria, tamén se están a acondicionar os espazos públicos: agora mesmo, o circuíto de velocidade de Bértoa e a continuación, o polígono industrial. Mentres avanza a roza polas parroquias de Bértoa e Goiáns, nas vías das parroquias do litoral que xa están limpas comezaron os asfaltados. Estes días centráronse na parroquia de Vilela, e ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane.
Servizo integral
O servizo de conservación de vías empezou a funcionar este ano
O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas inclúe, por unha banda, as vías das parroquias e, por outra, as urbanas. A empresa Construcciones López Cao é a encargada dos traballos, que constitúen un dos tres eixes do novo servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, xunto coa sinalización e a roza. A estabilidade do servizo garantirase mediante contratos de ata cinco anos de duración con empresas especializadas en cada un destes ámbitos, o que permitirá atender coa maior celeridade calquera incidencia relacionada coas rúas, pistas e estradas pavimentadas de titularidade municipal. O investimento total sitúase arredor dos 2,5 millóns de euros.
Tamén está en marcha o servizo de conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, do que se encarga a empresa SACYR Conservación.
E terceiro eixe é o de roza das vías, que se divide en dous lotes: un para espazos de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias. Do primeiro encárgase a empresa de José Luis Campos Campos, encargada da roza de comas como o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, o circuíto do motor, a Ruta das Férvedas, zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, parcelas urbanas municipais, campos da festa de todas as parroquias e baldíos en solo rústico.
En canto á roza de vías, da que se encarga a empresa Jardincelas, os traballos servirán para reforzar o servizo dos tractores municipais e para axilizar as tarefas de roza en 270,5 quilómetros de vías, tanto mecánico coma manual nas zonas precisas, coma nas contornas de postes, báculos de luminarias, contedores de lixo ou calquera outro elemento singular, así coma nos treitos nos que non sexa posible usar medios mecánicos.