Evencio Ferrero recolleu o Premio Cegasal outorgado ao Concello de Carballo pola súa aposta decidida pola economía social
Carballo foi un concello pioneiro na adxudicación do servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego
Venres 2 de xullo do 2021 Carballo ao día
Premiados/as e autoridades asistentes á Gala Cegasal
Evencio Ferrero recolleu hoxe en Santiago, na gala organizada pola Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, o Premio Cegasal concedido ao Concello de Carballo “pola súa aposta decidida pola economía social”. O evento, que congregou a medio centenar de persoas, tivo que ser aprazado o ano pasado por mor da pandemia da COVID-19, unha circunstancia que o fixo aínda máis especial.
Xunto ao Concello de Carballo tamén foron galardoados a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia e o concelleiro de Santiago de Compostela José Javier Fernández Martínez.
O alcalde amosouse agradecido e orgulloso pola concesión do Premio Cegasal, que vén reforzar as políticas de integración laboral polas que vimos apostando dende o goberno municipal, e que nos converteron no primeiro concello galego en adxudicar o servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego. “E esa é unha das decisións das que me sinto máis orgulloso”, asegurou.
Alberto Varela, presidente da Fegamp, e Evencio Ferrero
Evencio Ferrero puxo en valor o traballo que están a desenvolver no noso concello os centros especiais de emprego que prestan servizos á cidadanía, non só na limpeza viaria, senón tamén na de edificios, no mantemento de xardíns ou na recollida de residuos, e expresou o compromiso do goberno que preside coa integración laboral das persoas con discapacidade como paso necesario para conseguir unha sociedade máis inclusiva, diversa, comprometida e solidaria. “A utopía serve para camiñar”, dixo o alcalde citando a Eduardo Galeano, e convidou tanto ás institucións públicas coma ás empresas a apostar pola economía social.
O presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, destacou na súa intervención na Gala Cegasal a capacidade de resiliencia da economía social “en tempos difíciles como na crise de 2008 e os que estamos a vivir agora con motivo da pandemia”. Tras iniciar o seu discurso cun recordo emocionado para as vítimas da COVID-19 e as súas familias, o máximo responsable da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro anunciou a creación dunha Escola de Emprego para persoas con enfermidades mentais: “É algo que hai que facer porque en Galicia, a día de hoxe, hai 72.000 persoas con algunha enfermidade mental que non atopan traballo e, nalgúns casos, é unha situación que se prolonga no tempo, co consecuente desgaste para eles e as súas familias”. Ademais, explicou que esta escola combinaría a formación coas prácticas e un futuro laboral nos centros que conforman a asociación “que mellor se adapten ás necesidades especiais destas persoas”.
Cegasal é a asociación empresarial multisectorial galega de iniciativa social e integra na actualidade a 32 centros, que se rexen polos principios orientadores da economía social
Por último, Vázquez Freire agradeceu ás autoridades asistentes (presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e Política Social, Fabiola García; presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e presidentes da CEG, Juan Manuel Vieites, e do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara) o seu apoio constante no labor de humanizar todos os ámbitos da vida, demostrando que a creación de riqueza non está rifada co coidado das persoas, senón que o acompaña. Porque todas teñen a capacidade de ser produtivas e achegar ao desenvolvemento social e económico da sociedade.
Hoxe tamén foron distinguidos a conserveira Jealsa e os xornalistas Xaime Calviño e Santi Riveiro.