Inicio Carballo ao día Hemeroteca O acondicionamento da fonte de Razo forma parte...

O acondicionamento da fonte de Razo forma parte dun programa de mellora dos servizos nas nosas praias

Este sábado ás 11:00 horas izaremos as bandeiras azuis nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal

Xoves 1 de xullo do 2021 euqueroRB

O persoal de Aspaber, traballando hoxe na fonte

O persoal de Aspaber, traballando hoxe na fonte

A fonte de Razo parece outra. Nos últimos días, operarios do servizo de limpeza viaria están a levar a cabo unha serie de actuacións encamiñadas a poñer en valor o conxunto etnográfico existente no Rego de Oza. Comezaron coa limpeza e o lavado de todos os elementos que o integran, a retirada de vexetación, e o acondicionamento e pintado da parede, ao que dedicaron a xornada de hoxe, como se aprecia na imaxe. E ademais está prevista a restauración do mural que decora o espazo.

Pero o programa de actuacións non se limita á fonte, senón que abrangue toda a franxa costeira. Deste xeito, ademais da renovación da sinalización que está a acometer a Concellaría de Seguridade, dende as áreas de Servizos e Medio Ambiente estase a traballar na posta a punto do mobiliario urbano e dos espazos públicos. Ademais dos labores que desenvolve o servizo de limpeza de praias, por parte dos operarios de Aspaber estase a realizar a reparación ou substitución de bancos, papeleiras e fontes en todo o litoral, ademais de incrementar a frecuencia da limpeza viaria, que nestes momentos realízase dúas veces á semana e unha nas beirarrúas.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o persoal do servizo de salvamento e socorrismo izarán este sábado as tres bandeiras azuis

A posta en valor da nosa costa é un obxectivo permanente, sempre cunha perspectiva sustentable. Nesta liña, sen ir máis lonxe, presentamos este mércores o programa de actividades medioambientais “eu quero Razo-Baldaio”, que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto. A primeira proposta, para esta fin de semana, é “Descubre as pegadas e os indicios nos camiños”, para o achegamento básico ás especies máis salientables da nosa fauna autóctona. As inscricións poden realizarse aquí.

Hai xusto un mes que empezamos a temporada alta do servizo de limpeza de praias, que se realiza a diario tanto nos areais coma nos espazos ligados a estes, e o 10 de xuño comezou a funcionar o servizo de salvamento e socorrismo nas tres praias con bandeira azul: Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal. Este sábado ás 11:00 horas, precisamente, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o propio persoal do servizo izarán os renovados distintivos.

Compartir: