Inicio Carballo ao día Hemeroteca A oficina da Policía Nacional en Carballo...

A oficina da Policía Nacional en Carballo comezou a tramitar o DNI 4.0, que supón o primeiro paso para poder levar o carné no teléfono móbil

O alcalde achegouse á Unidade de Estranxeiría e Documentación para interesarse polo novo formato do documento de identidade

Martes 29 de xuño do 2021 Carballo ao día

Ás 13:00 horas deste martes 29 de xuño expedíronse os primeiros DNI 4.0 na Unidade de Estranxeiría e Documentación que ten a Policía Nacional na planta baixa da Casa do Concello. A de Carballo foi unha das primeiras oficinas da provincia en expedir o novo documento de identidade, que polo momento ten as mesmas utilidades que o anterior pero que nun futuro inmediato permitirá levar o carné no teléfono móbil e acreditar a nosa identidade ou asinar electronicamente dende calquera dispositivo móbil.

Todos os países membros da Unión Europea deben aplicar antes do 2 de agosto as medidas de reforzo da seguridade dos documentos de identidade que xa inclúe este novo DNI 4.0. Pero tamén incorpora un novo deseño do soporte, cuxos principais cambios son a aparición da bandeira da UE coas siglas do país e a posibilidade de utilizar outros idiomas, como o galego. O alcalde, Evencio Ferrero, que quixo achegarse ata a oficina para coñecer o novo documento, recibiu todas as explicacións por parte do persoal da Policía Nacional adscrito á unidade de Carballo.

As persoas que acudan a tramitar ou renovar o seu DNI a partir de hoxe xa sairán da oficina de Carballo coa versión 4.0. As solicitudes de cita poden facerse telematicamente dende a páxina www.citapreviadnie.es ou mesmo de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes. A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas.

O ano pasado, malia o peche da oficina dende finais de marzo ata mediados de xuño por mor da pandemia, a Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo tramitou 11.855 documentos.

Compartir: