Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo enche as rúas de cores que...

Carballo enche as rúas de cores que simbolizan os valores que queremos compartir coa cidadanía

O noso concello participa tamén na campaña de Ecovidrio #OrgulloDeReciclarVidro

Luns 28 de xuño do 2021 Carballo ao día

Presentación dos colectores

Presentación dos colectores

“Igual que fixemos con motivo do 8 de marzo, estamos utilizando o mobiliario urbano para reivindicar, no seu momento a igualdade, e neste caso a liberdade de ser e sentir”. Esta frase da concelleira de Igualdade, Maica Ures, resume as accións emprendidas dende o Concello de Carballo con motivo do Día do Orgullo, no que seguimos enchendo o noso territorio de cores que simbolizan os valores que queremos compartir coa cidadanía. Maica Ures presentou hoxe, xunto co xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, e o alcalde, Evencio Ferrero, as novas iniciativas que pretenden dar visibilidade á loita dos colectivos LGBTIQA.

Despois da colocación de grandes paneis multicolor nas principais entradas ao noso concello, de pintar coas cores do arco da vella os bancos da zona de xogos do Parque do Anllóns ou de pendurar a bandeira coas mesmas tonalidades da Casa do Concello durante a semana de San Xoán, coincidindo co 28 de xuño incorporamos novos elementos simbólicos ás rúas: dous pasos de peóns no ámbito da Praza de Galicia e seis colectores de vidro que forman a bandeira da diversidade sexual na rúa Desiderio Varela.

Esta última iniciativa enmárcase na campaña #OrgulloDeReciclarVidro que leva a cabo Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro que se encarga da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España. “Trátase de unir a sustentabilidade ambiental con valores sociais como son a diversidade ou a igualdade”, apuntou Germán Fernández, que agradeceu “a boa disposición do Concello de Carballo” e celebrou “que os carballeses e as carballesas poidan celebrar esta data dunha forma máis diversa e igualitaria”.

Maica Ures: “Carballo é un concello orgulloso. Estamos orgullosas de todas e cada unha das nosas veciñas e veciños e de ser un Carballo libre, aberto, onde todas e todos temos cabida"

Hoxe quedaron instalados na rúa Desiderio Varela os seis contedores que conforman a bandeira do arco da vella e que representan, tal como explican dende Ecovidrio, unha chamada á acción para promover, ademais dos dereitos humanos, a convivencia e a diversidade, a reciclaxe dos envases de vidro.

“Carballo é un concello orgulloso. Estamos orgullosas de todas e cada unha das nosas veciñas e veciños, e de ser un Carballo libre, aberto, onde todas e todos temos cabida”, manifestou Maica Ures. As palabras da concelleira de Igualdade foron ratificadas polo alcalde. “Carballo –dixo Evencio Ferrero- séntese tremendamente orgulloso de todas as veciñas e os veciños que aquí residimos”. O alcalde agradeceu a colaboración de Ecovidrio e destacou que o noso concello volve a ser pioneiro en iniciativas sociais e medioambientais.



Galería

Compartir: