Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación solicita por unanimidade a...

A corporación solicita por unanimidade a transferencia da estrada de Sísamo tras a execución das obras de mellora da vía

A terceira fase do proxecto, ata o lugar do Outeiro, suporá un investimento de 1,7 millóns de euros

Luns 28 de xuño do 2021 Carballo ao día

Ao remate da sesión, a corporación quixo sumarse ao Día do Orgullo

Ao remate da sesión, a corporación quixo sumarse ao Día do Orgullo

No pleno ordinario celebrado este luns, a corporación municipal decidiu por unanimidade solicitar á Deputación da Coruña a transferencia da estrada Carballo-Sísamo tras a execución das obras de mellora da vía. A terceira fase da actuación, que completará o acondicionamento da estrada dende o punto de remate da segunda fase ata o lugar do Outeiro, suporá un investimento de 1.749.910,47 euros. “É un investimento importante, que será asumido integramente pola Deputación”, apuntou o alcalde. Concello e Deputación asinarán o convenio correspondente, de xeito que o Concello contratará as obras e, ao remate das mesmas, asumirá a titularidade da vía.

A corporación municipal tamén aprobou, neste caso con 8 abstencións dos grupos da oposición, o pago de facturas pendentes do ano pasado por algo máis de 7.000 euros, que derivou nun debate sobre a xestión da canceira.

Cos votos a favor do BNG e o PSOE e as abstencións de PP e TeGa tamén saíu adiante a proposta de revisión de prezos do servizo de alumeado público, que nesta ocasión supón un saldo de 113.000 euros a favor do Concello. O mesmo resultado rexistrouse no punto relativo ao decreto da Alcaldía sobre o traslado provisional dos postos do Mercado Municipal.

Fóra da orde do día tamén foi aprobado un convenio coa Deputación da Coruña para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) por importe de 30.000 euros. Tamén fóra da orde do día foi debatida unha moción de TeGa na que solicitaba o cambio de trazado dunha das sendas incluídas no proxecto Cicl-Ando Carballo. A proposta foi rexeitada, xa que o BNG votou en contra e PP e PSOE abstivéronse.

Compartir: