Inicio Carballo ao día Hemeroteca 13 persoas participan nas xornadas sobre...

13 persoas participan nas xornadas sobre xestión administrativa e financiamento para emprendedores/as organizadas polo Carballo Coworking

As sesións, impartidas por Ana Belén Muñiz Vera, desenvólvense entre hoxe e mañá

Luns 28 de xuño do 2021 Carballo ao día

As sesións comezaron hoxe no auditorio do Fórum

As sesións comezaron hoxe no auditorio do Fórum

Un total de 13 persoas participan desde esta mañá na nova actividade formativa organizada polo Carballo Coworking e impulsada desde a oficina de Promoción Económica do Concello de Carballo. Trátase dunhas xornadas informativas sobre xestión económica e financiamento, dirixidas preferentemente a usuarios e usuarias deste espazo de traballo colaborativo, ás que tamén acoden emprendedores/as e autónomos/as, pemes, startup e persoas cunha idea de negocio.

A actividade, que se celebrará hoxe e mañá no auditorio do Fórum Carballo, en horario de 10:00 a 12:00, consta de dúas sesións teórico prácticas impartidas por Ana Belén Muñiz Vera, xestora administrativa e licenciada en Administración e Dirección de Empresas, con ampla experiencia en asesoramento empresarial, ademais de formadora no coworking do Pazo de Arenaza e no programa da Fundación Equipo Humano “Se buscan héroes”, orientado á mellora da empregabilidade.

A xornada de hoxe xirou arredor da xestión administrativa e a tramitación online. Ademais de abordar cuestións básicas laborais e fiscais relacionadas co emprendemento, a Seguridade Social e a Axencia Tributaria, os/as asistentes tiveron a oportunidade de expoñer dúbidas sobre cuestións do seu día a día como a alta en autónomos, o Imposto de Actividades Económicas, libros de rexistros, declaracións, sede electrónica, xestións telemáticas, etc. Deste xeito, preténdese mesturar as clases teóricas con sesións prácticas e quendas de preguntas coa finalidade de acadar unha maior participación e implicación dos/as participantes.

Para mañá 29 está previsto abordar as diferentes liñas de financiamento para proxectos emprendedores e/ou empresas de recente creación, atendendo a unha das principais demandas formativas actuais, ademais de prestar apoio e asesoramento ás persoas que inician unha actividade empresarial. Ao remate procederase á entrega de diplomas a todos/as os/as asistentes.

Compartir: