Inicio Carballo ao día Avisos O Carballo Coworking organiza unhas xornadas...

O Carballo Coworking organiza unhas xornadas informativas sobre xestión administrativa e financiaciamento para proxectos emprendedores

Xoves 17 de xuño do 2021

Tras o éxito de participación acadado na última acción formativa levada a cabo polo Carballo Coworking a finais do mes de maio, xa está en marcha a organización dunha nova actividade dirixida preferentemente a usuarios e usuarias deste espazo de traballo colaborativo e aberta a emprendedores/as e autónomos/as, pemes, startup e persoas cunha idea de negocio en marcha, ata completar o límite de aforo establecido para a prevención da COVID-19.

A actividade, promovida pola oficina de Promoción Económica do Concello de Carballo, consistirá na celebración de dúas xornadas informativas sobre xestión administrativa, plans de financiación e novas liñas de axuda para proxectos emprendedores e/ou empresas de recente creación, coa finalidade de atender unha das principais demandas formativas actuais e prestar apoio e asesoramento ás persoas que inician unha actividade empresarial.

O evento, que se celebrará os días 28 e 29 de xuño, de 10.00 a 12.00 horas, no auditorio do Fórum Carballo, dividirase en dúas sesións teórico-prácticas impartidas por Ana Belén Muñiz Vera,  licenciada en Administración e Dirección de Empresas, con ampla experiencia en xestión administrativa e asesoramento a empresas, que compaxina coa súa actividade como formadora no coworking do Pazo de Arenaza e no programa da Fundación Equipo Humano “Se buscan héroes”, orientado á mellora da empregabilidade.

Ao longo das xornadas, de dúas horas de duración cada unha, abordaranse cuestións básicas laborais e fiscais relacionadas co emprendemento, a Seguridade Social, a Axencia Tributaria ou as formas de financiación actuais, ademais de resolver todas dúbidas sobre trámites administrativos como a alta en autónomos, o Imposto de Actividades Económicas, libros de rexistros, declaracións, sede electrónica, xestións online, etc. As clases teóricas combinaranse con sesións prácticas e quendas de preguntas coa intención de procurar unha maior participación e implicación dos/as asistentes.

Inscricións

Transcorrido o prazo de matriculación para os usuarios/as do coworking, este venres 18 abrirá o prazo de inscrición para o público xeral que desexe participar nesta nova formación gratuíta. As persoas interesadas deberán cubrir, antes das 15.00 horas do martes 22, o formulario que aparece no blog da web www.coworkingcarballo.gal ou premendo aquí. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para persoas cun proxecto emprendedor e/ou idea de negocio, profesionais independentes, startup, autónomos ou pemes.

Compartir: