Os postos do Mercado Municipal reabren as súas portas na planta principal unha vez rematado o groso das obras de modernización
Luns 14 de xuño do 2021
Aínda que estivo pechado ao público, o Mercado Municipal rebordou actividade durante a xornada de hoxe, xa que tocou facer o traslado dos postos do soto á planta principal unha vez rematado o groso das obras de reforma, que forman parte do proxecto de modernización e revitalización da tradicional praza de abastos para adaptar as instalacións ás demandas dos seus usuarios e usuarias, tanto clientela coma comerciantes, e para que entre a formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia.
O Concello, que conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, investiu nesta primeira parte dos traballos, executados pola empresa Desarrolla Obras y Servicios. A actuación consistiu na reordenación dos postos e a creación de novos servizos, como conserxería-punto de información ou sala de lactancia, pendentes do mobiliario.
O proxecto ten unha segunda fase, que consistirá na instalación dun ascensor para facilitar o acceso dende a Praza do Concello. A obra vén de ser adxudicada tamén a Desarrolla Obras y Servicios por 88.184 euros.