Repartidas case 300 plantas aromáticas na primeira xornada de agradecemento ás familias que participan nos programas de compostaxe
A iniciativa, que conta coa colaboración da empresa Dixardín, continuará o domingo, coincidindo coa feira
Xoves 10 de xuño do 2021 Carballo ao día
O Concello de Carballo, coa colaboración da empresa Dixardín, repartiu este xoves case 300 plantas aromáticas entre as familias que participan nos programas de compostaxe que temos en marcha tanto na zona urbana coma na rural. Menta, tomiño, ourego e pirixel foron algunhas das variedades repartidas entre o voluntariado verde que contribúe a facer de Carballo un concello máis sostible.
Entre as numerosas persoas que pasaron ao longo da maña polo posto instalado na rúa Coruña estiveron as concelleiras Milagros Lantes e Belén Lendoiro e o concelleiro Marcos Trigo.
Este domingo volveremos a ter o posto informativo a disposición da veciñanza dende as 10:30 ata as 13:30 horas. Ademais de seguir premiando o esforzo e a implicación das persoas que contribúen á correcta xestión dos bio-residuos, o persoal do servizo ofrecerá información ás persoas interesadas, resolverá dúbidas, atenderá novas altas no programa “Ti tes a chave” e solicitudes de composteiros individuais.