Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle ata o 18 de xuño a...

NA RÚA EDUARDO PONDAL

Carballo acolle ata o 18 de xuño a exposición "A rede visible", un proxecto da asociación Les Coruña para dar visibilidade ás mulleres LBT

O alcalde, a concelleira de Igualdade e representantes de Les Coruña presentaron hoxe a iniciativa

Mércores 9 de xuño do 2021 Carballo ao día

Cristy Tojo Velasco, campioa de España e de Europa sénior de parakárate; Rocío Fraga Sáenz, ex-concelleira de Igualdade da Coruña; Artemisa Semedo, poeta-performer; Marta Álvarez Quinteiro, empresaria do sector cosmético; Elena Ferro, zoqueira, Premio Nacional de Artesanía; María Falcón e Cristina Yagüe, viticultoras; Andrea Nunes Brión, poeta e profesora; Páris Xácia Ceive, escritora e creadora do espazo “Sete Outeiros”; Patricia López-Carcedo, voluntaria de Protección Civil e tripulante de pasaxeiros de cabina; Lucía Trenor López, sindicalista, e Marta Fernández Herráiz, fundadora de LesWorking e co-directora xeral de REDI, forman parte de “A rede visible”, un proxecto da asociación Les Coruña, que traballa pola igualdade e a visibilidade de lesbianas, bisexuais e persoas trans, procurando que as LBT “teñan espazos propios onde interactuar, relacionarse e medrar sen as presións engadidas da lgtbifobia”.

Nese proxecto de visibilización está incluída a exposición que quedou instalada hoxe na rúa Eduardo Pondal e que poderá verse ata o día 18. Os 16 paneis que a integran ofrécennos moitos máis datos sobre as mulleres que a protagonizan e tamén sobre os obxectivos de Les Coruña. A presidenta do colectivo, Sandra López, e a súa compañeira da xunta directiva María Setién achegáronse hoxe ata Carballo para presentar a iniciativa acompañadas polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade, Maica Ures.

Fai unha foto no photocall da exposición, súbea ás redes sociais e poderás gañar un premio!

“A rede visible” conta coa colaboración  da Deputación da Coruña. É unha exposición de fotografía documental en gran formato, obra da fotógrafa Susana Milnes, que, por primeira vez en Galicia, visibiliza a diversidade da muller actual dende a perspectiva LBTQ. “Propoñemos _explican dende Les Coruña_ un tecido de referencias, apoio, inspiración e normalización no día a día de mulleres galegas que amplían os xéneros e as sexualidades impostas. Elas son testemuño da diversidade e da valentía que implica enriquecer hoxe a figura da muller na cidade e no agro do noso país”.

A exposición inclúe tamén un espazo para a participación veciñal: un primeiro panel-photocall no que todas as persoas que o desexen poderán fotografarse. Se o facedes e subides esa imaxe ás vosas redes sociais utilizando os cancelos #redevisible e #carballoenrede participaredes nun sorteo de agasallos do Concello de Carballo.

Compartir: