A PARTIR DO XOVES 10 DE XUÑO
A entrada en servizo da unidade de salvamento marca o inicio da temporada de praias no noso concello
O uso de máscara nos paseos ou o mantemento da distancia de seguridade son algunhas das medidas vixentes para a prevención da COVID-19
Mércores 9 de xuño do 2021 Carballo ao día
O 10 de xuño entra en servizo o equipo de salvamento nas praias, integrado por 32 socorristas que velarán pola seguridade dos usuarios e usuarias dos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal durante os próximos tres meses. Co inicio da temporada alta do servizo de limpeza xa o día 1 e a posta a punto dos distintos espazos de uso público, nestes primeiros días quedará todo listo para que poidamos gozar do bo tempo á beira do mar.
A campaña estival volverá a estar condicionada polas medidas de prevención do coronavirus. A día de hoxe, a normativa vixente obriga a respectar a distancia de seguridade á hora de colocar as toallas ou hamacas, así coma á utilización de máscara nos accesos, desprazamentos e paseos que se realicen pola praia. Ademais, os grupos non poderán superar o límite de 10 persoas, agás no caso de conviventes, aínda que esta última restrición quedará anulada a partir do sábado, segundo vén de anunciar o presidente da Xunta.
Este verán volverá a ondear a Bandeira Azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Carballo vén renovando ano tras ano este distintivo, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.
Ademais, como xa informamos semanas atrás, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2020 remitida pola Consellería de Sanidade.