ENSINO
O Concello aboga pola mellora do ensino público coincidindo co inicio do curso escolar
Venres 15 de setembro do 2006
Unha das prioridades do goberno local, desde que tomou posesión no ano 2003, foi e segue a ser a defensa dun ensino público de calidade. Os encontros con todos os axentes sociais e coas institucións implicadas na tarefa de educar perseguen ese obxectivo, derivando nun compromiso de colaboración coa Xunta de Galicia, tralas conversas coa Delegación e Consellería de Educación. No tocante a inversións, nos últimos anos, o Concello fixo un esforzo en actuacións importantes, como o Pavillón de A Cristina e o peche deste centro e do Fogar, hai dous anos e, en 2005, o arranxo da fachada do Colexio de Razo, a dotación de alarmas nas escolas unitarias e colexio da Cristina, a escola de Cances e o patio cuberto infantil na unitaria de Sísamo. A Consellería de Educación levou a cabo outras actuacións, como o pitando da fachada e o peche do IES Alfredo Brañas no 2004, que non se tocara desde a súa inauguración, e outras máis recentes como o peche do San Luis Romero, o peche do Pavillón do Parga Pondal, o pintado da 2ª pranta do Fogar e a dotación de ascensor no Monte Neme. Neste ano 2006, o Concello actuou coa dotación dun almacén no colexio da Cristina, para posibilitar o Plan Concilia, a creazón da nova aula de infantil na Escola Fogar, en colaboración coa Escola Taller, o peche do Pavillón en Sofán e segue a actuar na dotación de xogos infantís para os máis pequenos, coa instalación de columpios e tobogáns nos centros educativos. No tocante á área de mantemento, o Concello destina a partida coa intención de levar a cabo actuacións que redunden na mellor calidade dos centros. Aos gastos correntes de limpeza ou gasoil, engádense outros que teñen que ver co pintado, fontanería, calefacción, portas, ventás, corcho e albanelería.
O Concello de Carballo ofrece, para acadar o obxectivo de ofrecer un ensino público de calidade, diferentes servizos relacionados coa tarefa educativa. No ámbito deportivo destacan, nos últimos anos, a dotación da zona deportiva de O Chorís, as pistas polideportivas do colexio Bergantiños e o aproveitamento de zonas deportivas en recintos escolares. Ademáis, existen programas como Deporte na Escola e Natación Escolar que elevan a oferta deportiva, e outras actividades como a dotación dunha pista de patinaxe sobre xeo no Nadal do ano pasado. No plano cultural, a oferta educativa compleméntase cos cursos da Escola Oficial de Idiomas, do Conservatorio Profesional de Música variadas actividades en datas como o Antroido e o Nadal, ademáis de teatro, música, exposicións e viaxes escolares. Na área medio ambiental, o Concello leva a cabo as pertinentes tarefas de desinfección e desratización nos centros educativos. O Concello mantén contactos constantes coas direccións dos centros de primaria e secundaria, Ampas e Delegación Provincial para intentar mellorar, en todo o posible, o ensino na localidade.