Remata a campaña anual de trampeo de velutinas cun total de 32.486 avespas capturadas no noso concello
Do 5 ao 31 de maio foron atrapadas 13.826 avespas asiáticas
Martes 8 de xuño do 2021 Carballo ao día
Foto da presentación da campaña anual, en marzo
O 5 de marzo arrincou a campaña anual de trampeo da avespa velutina organizada polo Concello de Carballo a través da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas. En algo menos de tres meses, ata o 31 de maio, foron capturadas 32.486 raíñas, máis do dobre que o ano pasado. De feito, no último mes contabilizáronse 13.826, case tantas como en toda a campaña do 2020.
Para acadar estas cifras resultou imprescindible a colaboración das 245 persoas que se sumaron á loite contra a avespa asiática en todo o concello, moitas delas vinculadas ao sector apícola. En total colocáronse 1.519 trampas facilitadas polo Concello de Carballo, que se suman a moitas outras de fabricación caseira coas que moitas persoas a título particular se unen tamén á causa. Ademais, dende o Servizo Municipal de Control de Pragas repartíronse, tamén de balde, un total de 1.736,5 litros de líquido atraente.
Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da veciñanza na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita.
A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. Lembra que agora os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.